A Joven Orquestra Nacional de España abre este mércores unha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea

●    Do 5 ao 20 de xuño, o ciclo retoma a súa cita anual coa música de vangarda dos séculos XX e XXI e o diálogo entre artistas, formacións e creacións contemporáneas
●    A JONDE ofrecerá 5 concertos para a presentación de dous programas para ensemble e outres tres de cámara. 
●    A programación das XMC complétase coas intervencións da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, o Ensemble Liberdade e a compañía de danza lookathingsdifferent ao son da música en vivo de Nico Casal  
 

O Ensemble Modern toma parte no primeiro concerto das Xornadas de Música Contemporánea de 2024. Foto: Wonge Bergmann

Compostela Cultura recupera o seu compromiso coa descuberta das sonoridades anovadoras e as tendencias emerxentes da música dos séculos XX e XXI nunha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea (XMC), que erguen o pano este mércores, 5 de xuño, no Auditorio de Galicia. 
A Joven Orquesta Nacional de España (JONDE) abre a programación do ciclo cun concerto no que presentará un programa para ensemble da man do reputado conxunto alemán Ensemble Modern, baixo a batuta de Pablo Rus Broseta e coa colaboración de Isabel Rubio como directora asistente. A partir das 20.30 horas, as composicións de Mauricio Sotelo, György Ligeti e George Benjamin encherán a Sala Ángel Brage neste primeiro recital que se completa coa estrea absoluta da peza Traces of the Blast (In Aftermath of Explosion) creada pola compositora Helga Arias por encargo da JONDE. A obra explora musicalmente as secuelas dunha potente explosión a través do medio expresivo da orquestra que, a medida que avanza a composición, enfronta a reconstrución e reorganización gradual da paisaxe sonora. A resistencia e a adaptabilidade precisas para a superación dun suceso catastrófico fan así a súa aparición na creación dunha narrativa que reflicte tanto a devastación como o potencial de renovación da explosión e que nos embarca nunha viaxe de sons e emocións dende a incerteza á consciencia do seu potencial transformador.

Antes do concerto, ás 19.30 horas, a musicóloga Rosa Fernández ofrecerá unha sesión comentada baixo o título 'Miradas sonoras', que permitirá ao público coñecer en detalle esta proposta artística. Tanto o acceso a esta conversa como ao concerto son de balde sen necesidade de reserva. 

Cinco concertos da JONDE 
Alén do programado o 5 de xuño, a Joven Orquestra Nacional de España ofrecerá outros catro recitais en Compostela ao abeiro das XMC’24. Tres deles, os dos días 6, 7 e 8 de xuño, destinaranse á presentación de proxectos de cámara baixo a tutela do Trío Arbós e o clarinetista Joan Enric Lluna e coa coordinación de Juan Garvayo. O útlimo concerto, programado o 9 de xuño, recupera o proxecto para ensemble na compaña do Ensemble Modern e baixo a dirección de Pablo Rus Broseta. Todos eles terán lugar no Auditorio de Galicia a partir das 20.30 horas con entrada libre até completar a capacidade da sala.
A programación percorrerá unha importante mostra da creación musical contemporánea dos últimos anos do século XX e os primeiros do século XXI, reflectindo á súa vez a diversidade de xénero e procedencia das súas autoras e autores. En total, interpretaranse 22 obras entre as que se contan 6 estreas absolutas: dúas delas creadas polas compositoras María José Arenas e María de Alvear e outras catro especialmente encargadas pola JONDE para este proxecto e ideadas por Helga Arias, Inés Badalo, Alberto Carretero e Hugo Gómez-Chao. 

Xornadas de Música Contemporánea ‘Caleidoscopio’
Enmarcadas na programación anual de Compostela Cultura, as XMC concitan as principais entidades culturais da cidade no tecido dunha proposta que pon en valor a música desenvolvida nos séculos XX e XXI nas contornas galega, estatal e internacional e o diálogo con outras formas artísticas. A edición de 2024 é froito da colaboración do Concello de Santiago e o Auditorio de Galicia, coa Deputación da Coruña, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) da Xunta de Galicia e o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música do Ministerio de Cultura.  Do 5 ao 20 de xuño e baixo o título xenérico de ‘Caleidoscopio’, convida a gozar dunha programación na que ademais da JONDE e das formacións e solistas que a acompañan toman parte a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, o Ensemble Liberdade e a compañía de danza lookathingsdifferent.