Joana Carneiro dirixe a Real FIlharmonía de Galicia nun concerto con André Cebrián como frautista solista

O concerto desenvolverase este xoves 19 ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia e incluirá a estrea en España da Viaxe para frauta e corda de John Corigliano

Co título 'Mar en calma' o recital ofrecerase tamén no Teatro Afundación de Vigo o mércores 18 de outubro e no Círculo das Artes de Lugo o venres 20, en ambos os casos ás 20 horas.

 

A Real Filharmonía de Galicia ofrece este xoves 19 de outubro o seu segundo concerto da temporada 'Migracións'. Será conducido pola principal directora convidada da orquestra, a mestra portuguesa Joana Carneiro, e nel actuará como intérprete solista o frautista santiagués André Cebrián.

Este recital, que leva por título 'Mar en calma', comezará ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia e as persoas asistentes interesadas poderán dialogar coa directora e o solista no 'Conversando con...' que dá comezo 45 minutos antes do recital na Sala Mozart do Auditorio.

O programa inclúe dúas obras de Felix Mendelssohn como son Ás Hébridas, que dará comezo á noite, e a Sinfonía núm. 3 en la menor, 'Escocesa', que porá o peche. A orquestra interpretará tamén a Viaxe para frauta e corda de John Corigliano, na que será a súa estea estatal, e o Concerto núm. 1 para frauta e corda de Moisey Samuilovich Weinberg.

O concerto supón o regreso coa Real Filharmonía da principal directora convidada da orquestra, Joana Carneiro, quen tamén é directora artística da orquestra Estágio Gulbenkian. Ademais, as asistentes poderán deleitarse coa actuación de André Cebrián, frauta solista da Orquestra de Cámara de Escocia, quen foi alumno da Escola de Altos Estudos Musicais, asociada á Filharmonía, e iniciou os seus estudos con Laurent Blaiteau e Luis Soto, frautistas titulares da orquestra.

Entradas e actuacións da RFG esta semana

As entradas para o concerto en Santiago de Compostela están á venda na web de Compostela Cultural e no despacho de billetes da Zona C - Punto de Información Cultural (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas). Ademais, o día do espectáculo poderán ser tamén adquiridas no despacho de billetes do Auditorio de Galicia dende 1 hora antes do seu comezo. Como acontece cos concertos do programa de abono, haberá descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e integrantes de familias monoparentais ou numerosas.

A RFG levará tamén o recital 'Mar en calma' ao Teatro Afundación de Vigo este mércores 18 de outubro ás 20.00 horas, con entradas á venda na plataforma ATaquilla,  e no Círculo das Artes de Lugo o venres 20, tamén ás 20 horas e con entradas á venda nas oficinas da entidade.