A improvisación sonora conquista as Xornadas de Música Contemporánea da man do Ensemble Liberdade

A formación ofrecera un concerto de balde este mércores, día 12 de xuño, ás 20.30 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea

A programación ‘caleidoscópica’ das Xornadas de Música Contemporánea continúa este mércores, día 12 de xuño ás 20.30 horas, cun concerto do Ensemble Liberdade no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
A formación de guerrilla da Orquestra Galega de Liberación, liderada por Xacobe Martínez Antelo , presentará ao público un novo proxecto centrado na improvisación como fonte primixenia de inspiración e investigación que se articula co cometido de ir superando fronteiras e amosar novos camiños e puntos de fuga musicais.
Para esta ocasión, o grupo verase intervido por primeira vez por dúas novas variables que rachan coa sonoridade de cámara, que viña sendo a habitual nesta formación. A guitarra eléctrica de Manuel Cebrián e a voz poliédrica de Rubén Fernández súmanse agora ao violín de Elena Vázquez, á viola de María José Pámpano, ao violonchelo de Macarena Montesinos, á batería de LAR Legido, aos saxos de Diego Alonso e aos saxos e a gaita de Xosé Miguélez para conformar un espectáculo que se recrea na exuberancia sonora e dá conta das posibilidades infinitas da música.

O acceso ao concerto é libre até completar a capacidade da sala. 

Xornadas de Música Contemporánea ‘Caleidoscopio’
Enmarcadas na programación anual de Compostela Cultura, as XMC concitan as principais entidades culturais da cidade no tecido dunha proposta que pon en valor a música desenvolvida nos séculos XX e XXI nas contornas galega, estatal e internacional e o diálogo con outras formas artísticas. A edición de 2024 é froito da colaboración do Concello de Santiago e o Auditorio de Galicia, coa Deputación da Coruña, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) da Xunta de Galicia e o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música do Ministerio de Cultura.  Do 5 ao 20 de xuño e baixo o título xenérico de ‘Caleidoscopio’, convida a gozar dunha programación na que ademais da JONDE e das formacións e solistas que a acompañan toman parte a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, o Ensemble Liberdade e a compañía de danza lookathingsdifferent.
 

MÁIS INFORMACIÓN

Acceso libre até completar a capacidade da sala