A Garota Não, este domingo no Auditorio de Galicia

A voz de Cátia Mazari Oliveira fará ecoar na sala Ángel Brage o son do barrio que a viu medrar e as melodías e letras coas que chama á resistencia, ao inconformismo e á liberdade
As entradas para o concerto están dispoñibles na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C e tamén se poderán adquirir no Auditorio de Galicia o día do evento dende as 19 horas
 

2 de abril é o nome do barrio onde medrou Cátia Mazari Oliveira, na periferia de Setúbal. É tamén a data que decreta a Constitución da República Portuguesa. E é o nome do disco co que A Garota Não se fixo un espazo de seu no panorama musical do país cunha proposta que evoca os sons e as experiencias que viviu naquel barrio e o mesmo espírito inconformista e de loita que puxo fin á ditadura en Portugal. Considerado polo público e a crítica como un dos mellores álbums do ano, o disco valeulle o premio José da Ponte da Sociedade Portuguesa de Autores, o Globo de Ouro da SIC (Sociedade Independente de Comunicação) á mellor intérprete na categoría de música e o Premio José Afonso na súa trixésimo quinta edición. 
En 2 de abril, o seu segundo traballo tras Rua das Marimbas N.7, A Garota Não canta a través dunha doce reflexión sobre os tempos que vivimos e embárcanos na viaxe social e política dunha artista que loita co corazón e dá corpo, alma e voz a un proxecto absolutamente único. A dicir da autora, é un traballo que “fala do cotián sen glamour, de movementos perpetuos, da fe que perdemos; pero tamén fala de horizonte e de folgos infindos”: 

Este domingo, día 27 de outubro, ás 20.00 horas, o público de Compostela poderá descubrilo en vivo na sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, onde tamén resoarán algúns temas anteriores e outros novos nos que xa está a traballar. As entradas para o concerto, cun prezo de 14 euros (7 euros para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas) poden ser adquiridas en compostelacultura.gal no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural e no do Auditorio de Galicia (neste caso, o propio día do concerto a partir das 19 horas.