FAIA esgota as localidades para o concerto de presentación de 'Alvela' no Teatro Principal

O segundo traballo da artista compostelá presentarase en directo ao público o 23 de abril ás 20.30 horas 

A data do concerto coincide co lanzamento de 'Alvela' en plataformas dixitais

Esgotadas as entradas na web, só é posible adquirir localidades con visibilidade reducida a metade de prezo no despacho de billetes da Zona C

 

O público de Compostela encherá o mércores 23 de abril as butacas do Teatro Principal para descubrir en concerto Alvela, o segundo traballo en solitario de FAIA. Trátase dun traballo complexo e sutil que transita pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. 

Na presentación en directo deste traballo, a artista compostelá contará coa colaboración en escena de Bleuenn Le Friec (arpa) e do Suelen Estar Quartet, formado por Elena Vázquez, María José Pámpano, Macarena Montesinos e Saúl Puga. O espectáculo completarase co vestiario de Melania Freire e o deseño de iluminación de Nonon Lab.

Xa só é posible adquirir localidades con visibilidade reducida a metade de prezo na Zona C (Punto de Información Cultural) desde este martes 15 de abril e tamén os días 16, 22 e 23, en horario de 11 a 14 h e de 16 a 19 h.  De non se esgotaren tamén estas, estáran dispoñibles o propio día do concerto dende as 19.30 horas no Teatro Principal.

A data do concerto coincide co lanzamento dixital do disco nas principais plataformas, que estará dispoñible a partir das 00.00 horas dese 23 de abril. Son dez os temas que conforman o LP, dos que xa se coñecen E se queres, o primeiro adianto; ademais de Dona Alvela, que parte dunha peza do romanceiro tradicional e que aborda a violencia sobre a muller no momento do parto, e Escribíache, que procede do repertorio de Erminda Miramontes. A propia FAIA foi dando a coñecer estes temas no seu perfil de Instragram a través dunhas animacións elaboradas pola artista plástica Blanca Gracia. Esta mesma mañá a creadora vén de publicar o derradeiro avance de Alvela, o arrolo tradicional Teño sono, unha peza na que a arpa sostén, coa súa rítmica, o carácter circular, case mántrico, dun canto a dúo.  

Alvela é un traballo producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e que conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual do álbum foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra de Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco. 

Sobre FAIA 

FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presenta Alvela, o seu segundo traballo.