Estudo Momento presenta ‘1888. Señorita Xulia’ no Teatro Principal

A compañía teatral conformada por Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto leva as táboas de Compostela unha revisión do clásico de August Strindberg. As entradas para esta obra de teatro poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Teatro Principal
 

O Teatro Principal acollerá este venres ás 20.30 horas a representación de 1888. Señorita Xulia’, unha ollada actual ao polémico texto que August Strindberg escribiu no século XIX arredor do romance ilícito entre unha moza de clase alta e un dos seus criados. A emancipación da muller e a loita de clases atravesan esta proposta escénica da compañía teatral Estudo Momento que chega á cidade no marco do Foco ‘A Voltas cos Clásicos’ de Compostela Cultura. 

Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto dirixen e interpretan esta nova montaxe con fonda pegada cinematográfica que, a partir da misteriosa morte dunha das personaxes, constrúe unha historia de suspense e formula para público un xogo arredor da verdade. A dicir da compañía, “o intento artístico é a desarticulación do concepto mesmo de verdade. Xulgar uns feitos sérvenos única e exclusivamente para pechar unha historia que restableza o equilibrio. Pero algunhas historias non poden pecharse nunca e é daquela cando a existencia se fai, para moitos, insoportable”.
Cara a ese fin, a posta en escena sitúa os protagonistas nun limbo atemporal e confínaos a unha gaiola aberta da que ambos tentan escapar sen sorte, unha metáfora visual das convencións sociais que os atrapan.

Desenvolvida en coprodución do Concello de Arteixo, a peza forma parte das propostas inscritas na Rede Galega de Teatros e Auditorios. As entradas para o espectáculo, a un prezo de 12 euros con descontos para os colectivos habituais, poden ser adquiridas na páxina web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) e no do propio Teatro Principal (o día da función dende unha hora antes do seu inicio). Ao remate do pase, Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto participarán na posfunción, un coloquio aberto co público da peza.