Enrico Onofri volve dirixir un concerto da Real Filharmonía de Galicia

O recoñecido director estará, por segunda vez nesta temporada, á fronte dun concerto da Real Filharmonía de Galicia no que o público poderá escoitar obras de Beethoven, Sacchini, Kraus e Paër.

A Real Filharmonía de Galicia volve recibir o director Enrico Onofri para un novo espectáculo: 'Sons adormecidos'. O programa busca redescubrir obras e compositores que acabaron esquecidos e, polo tanto, fóra do repertorio que, normalmente, é interpretado nas salas de concerto. A persoas asistentes ao concerto deste xoves 16 de maio, ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia, terán a ocasión de gozar da abertura da ópera Leonora de Ferdinando Paër, da Ciaccona en do menor de Antonio Sacchini, seguida da Sinfonía en do menor de Josef Martin Kraus. Ao tempo, despois de expandir as fronteiras do coñecemento musical e restaurar o prestixio destes autores, a segunda parte do concerto dedícase a  Ludwing van Beethoven e á súa á Sinfonía núm. 4 en Si bemol Maior, op. 60, 

As entradas para o concerto poden ser adquiridas a un prezo de 15 euros na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no do propio Auditorio de Galicia (o día do concerto dende as 19.30 horas)

 

A batuta dun mestre

Enrico Onofri é un director que adoita explorar o repertorio do século XVII ao XX imprimindo a súa linguaxe persoal a todos os proxectos nos que participa. Usa o seu coñecemento das praxes históricas como fonte de inspiración para novas ideas e panoramas de interpretación. Ademais da súa recoñecida destreza diante dunha orquestra, está considerado como un dos máis destacados e influentes violinistas barrocos da actualidade. Antes do concerto de Santiago, ás 19:45h, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, o director dialogará co público nunha nova cita do ciclo ‘Conversando con...’.