'El circo de los muchachos' gaña o premio do público no 38º Cineuropa

A historia do padre Jesús Silva e o seu mundo de Benposta obtén a valoración máis alta da audiencia do festival

A trixésimo oitava edición do festival ofreceu este novembro 18 días de proxeccións e actividades arredor do cinema nas que participaron case 16.000 persoas 
 

Elías Siminiani e José Luis Losa na presentación da proxección de El circo de los muchachos en Cineuropa (Foto: Brais Lojo)

El circo de los muchachos, de Elías Siminiani, gaña o premio do público da 38ª edición do festival Cineuropa ao obter a puntuación máis alta de todas as proxeccións sometidas a voto. 
A serie conta a historia da Cidade dos Muchachos, fundada por Jesús Silva, “o Cura”, que xunto a 15 rapaces creou unha cidade e un proxecto educativo para a mocidade sen recursos na España franquista de 1956. Está creada a partir dunha combinación de materiais e entrevistas inéditas e dun arquivo único que percorre máis de 50 anos de historia e que conta ata con imaxes gravadas desde o propio estudio de televisión creado en  Benposta.

Parte do equipo e protagonistas do filme participaron no coloquio co público do festival (Foto: Brais Lojo)

O director, Elías Siminiani, e o produtor Borja Pena acudiron xunto con outros membros do equipo e algúns dos protagonistas da historia a presentar a serie a Santiago de Compostela. 
Siminiani, é investigador sobre diversos formatos e xéneros. Gañou un premio Goya á mellor curta de ficción no 2023 co filme Arquitectura emocional 1959 e o premio á mellor curta en Europa Cinema 2007 por Ludoterapia, entre outros galardóns. Siminiani dirixiu Apuntes para una película de atracos (2018) e tamén docuseries que tiveron moita repercusión como El caso Asunta: Operación Nenúfar (2017) e El caso Alcàsser (2019).

A 38ª edición de Cineuropa congregou preto de 16.000 persoas arredor das súas proxeccións e actividades (Foto: Brais Lojo)
Coa resolución da obra mellor valorada polo público, a 38ª edición de Cineuropa bota o pano a 18 días de programación e máis de 130 obras audiovisuais, alén de concertos, coloquios e numerosas actividades paralelas, que congregaron no Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX e a Zona C preto de 16.000 persoas, cunha media de 110 asistentes por filme. 
O director de Cineuropa, José Luis Losa, apuntou que “esta 38ª edición foi sobresaliente”. Destacou que o público, “coa súa implicación, as súas votacións ás películas, a súa asistencia ás salas, a súa complicidade e implicación nos numerosos debates cos realizadores é o que reforza esa impresión tan positiva da edición”. 

Cineuropa 38
Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña. Na súa 38ª edición conta tamén co apoio do Instituto Camões, o Festival Internacional de Cine de Xixón, o festival Artekino e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais alén de diversos patrocinios de empresas e entidades da contorna de 
Compostela.