

Verdeveras Expresións Artísticas e o Centro Dramático Galego presentan ‘As formas do amor’ este venres, día 14 de febreiro, ás 20.30 horas no Teatro Principal
O sábado 15, ás 18.00 horas, a Sala Mozart do Auditorio de Galicia acolle o espectáculo familiar ‘A danza dos medos’ de Teatro Escena
A adaptación teatral de ‘Los lunes al sol’, de GG Producción Escénica e Teatro del Nómada, sobe ás táboas da Sala Ángel Brage o sábado ás 20.30 horas
As entradas para todos os espectáculos poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C
A programación de Compostela Cultura inclúe esta fin de semana tres propostas escénicas ben diversas. A primeira delas chega da man de Verdeveras Expresións Artísticas en coprodución co Centro Dramático Galego con As formas do amor, unha peza dirixida por Gena Baamonde e protagonizada por Sergio Zearreta e María Ángeles Iglesias, quen tamén asina o texto, que leva á escena unha historia para reflexionar sobre o concepto mesmo do amor e sobre as relacións diversas ás que dá forma. Con iluminación e espazo escénico de Octavio Mas, e música orixinal e espazo sonoro de Tato López, a obra, enmarcada no Foco Creadoras de Escena de Compostela Cultura, chega ao Teatro Principal o venres, día 14 de febreiro, ás 20.30 horas.
O sábado 15, a programación trasládase ao Auditorio de Galicia con outros dous traballos. Ás 18.00 horas arrancará na Sala Mozart A danza dos medos, un espectáculo de movemento e monicreques producido por Teatro Escena con dramaturxia e dirección de Manuel Mansilla e Jorge Rey e un elenco conformado por Laura Pouso, Olalla Suárez, Carlota Rosón, Rafael Rey, Adela Bértolo e Martín Blanco. A peza convida a descubrir como, ao longo das diferentes etapas da vida, os pensamentos, sentires e desexos fan ás persoas vivir moitísimas emocións, co «medo» entre elas. Inscrito na programación En Familia de Compostela Cultura, o espectáculo diríxese a público de 8 anos en diante.
A versión teatral de Los lunes al sol chega este sábado ao Auditorio de Galicia
Tamén no Auditorio, pero ás 20.30 horas e na Sala Ángel Brage, terá lugar a representación da peza teatral Los lunes al sol. Ignacio del Moral e Javier Hernández-Simón adaptan para as táboas o célebre filme co que Fernando León de Aranoa levaba ás pantallas un relato de loita e desesperanza fronte a un mercado laboral competitivo e en constante cambio. O propio Hernández-Simón dirixe este traballo que conta no elenco con Mónica Asensio, Marcial Álvarez, José Luis Torrijo, Fernando Cayo, Fermi Herrero, Fernando Huesca, César Sánchez e Lidia Navarro e que desenvolven GG Producción Escénica e Teatro del Nómada.
As entradas para os espectáculos poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C (rúa do Preguntoiro, 1), aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas). Tamén poderán mercarse o propio día de cada función, dende unha hora antes do comezo de cada pase, nos despachos de billetes do Teatro Principal e do Auditorio de Galicia sempre e cando existan aínda localidades dispoñibles.