![](https://www.compostelacultura.gal/sites/all/themes/compostelacultura/images/logo-1-maximenu.png)
![](https://www.compostelacultura.gal/sites/all/themes/compostelacultura/images/logo-2-maximenu.png)
O xurado da sección oficial Cosmos outorgou o premio á mellor película a It Will Be Better Before, de Keto Kipiani; o de filme máis innovador a Exit Through the Cuckoo’s Nest , de Nikola Ilic, e o de mellor película española a Las novias del sur de Elena López Riera, que se fixo tamén co premio do público do festival
Pura, de Carmen Méndez, recibiu o premio Supernova, eo Premio Cátedra Cruz-Vermella USC
O premio Galiza foi para Humedalia de Irene Sáenz Carballeira e o do xurado novo para For Here Am I Sitting in a Tin Can Far Above the World ,de Gala Hernández
A vixésimo primeira edición do Festival Internacional de Cine Curtocircuíto rematou cunha gala de clausura desenvolvida no Teatro Principal que contou coa participación da alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; a concelleira de Xuventude, María Rozas, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; o director da AGADIC, Jacobo Sutil; e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo; así como de representantes da corporación municipal e das entidades colaboradoras desta edición. A actriz Sheyla Fariña exerceu de condutora desta gala que pon fin a unha semana de cinema, musica e proxeccións especiais.
No peche desta edición, Goretti Sanmartín destacou que “Curtocircuíto é un referente na procura e na exhibición de talento audiovisual, galego e internacional. Compostela ten a sorte de contar cun espazo interdisciplinario como este”.
Pola súa parte, Pela del Álamo agradeceu a todas as persoas que fixeron posible unha nova edición deste festival que valorou como “un éxito de público pola boa conexión coa asistencia e o grande interese pola programación”. O director artístico do festival salientoU a boa acollida do novo modelo máis curatorial de Curtocircuíto tamén entre a prensa especializada: “agora necesita tempo para consolidarse pero tivo un moi bo comezo. Sen dúbida, seguiremos traballando arredor de eixes temáticos que artellen un programa interdisciplinario”, apuntou.
Esta edición Curtocircuíto bateu as marcas de asistencia nas seccións Criaturas e Teenage Riot con máis de 1.400 escolares, o que consolida unha das apostas do festival cara á creación de novos públicos e á procura da integración dos seus contidos nos programas educativos da área de Santiago.
A gala de clausura arrancou con CRISPR, the Pattern of Life AV de Bromo (Paloma Peñarrubia & Azael Ferrer), un espectáculo audiovisuais de sons contundentes con paisaxes emocionantes e abstractas, amalgama de texturas orgánicas e conceptos sonoros que guiou o público nunha mergulla pola universo da bioloxía sintética e a filosofía da evolución.
Tras a actuación procedeuse á entrega de premios da 21ª edición de Curtocircuíto. O xurado da sección oficial COSMOS, integrado pola programadora Caroline Maleville, o comisario e docente Guilherme Blanc, a xornalista e crítica de cine Jara Yáñez, o curador e programador Peter Taylor e a antropóloga social, investigadora e escritora Valeria Mata, concedeu tres galardóns: o filme It Will Be Better Before, de Keto Kipiani, fíxose co Cosmos á mellor película, entre outros motivos, por “cuestionar de xeito pouco convencional os nosos imaxinarios sobre o espazo-tempo e a súa relación co político e o afectivo” e “profundar, ademais, na idea de colaboración no proceso fílmico e reflexionar sobre a propia produción da película”.
O COSMOS á mellor pelicula innovadora foi para Exit Through the Cuckoo’s Nest de Nikola Ilic, da que o xurado destacou “que fai eco das condicións contemporáneas de conflito e propón un xesto disruptivo de desarme que nos leva a implicarnos nun relato de gran sensibilidade cun uso coherente dos medios fílmicos”.
Finalmente, o premio COSMOS á mellor película española recaeu en Las novias del sur, de Elena López Riera, por ser “un filme que abre un espazo necesario para falar do que non se fala e expor a voz das mulleres navegando diferentes tempos políticos desde a subalternidade”. Este mesmo filme acadou tamén o Premio do público do festival.
A cantante e produtora galega Belén Vidal (BFlecha), a produtora, curadora e programadora independente Catarina Boieiro; e a creadora e poeta Nuria Vil integraron o xurado encargado de valorar as pezas integradas nas seccións Supernova e PlanetaGZ.
Na primeira delas, o premio Supernova foi para Pura de Carmen Méndez, da que o xurado saliento que “a través dun retrato familiar sinxelo, o filme consegue amosar diferentes temas como a vellez e a doenza con cariño e dignidade, a destrución do medio natural e a transformación da paisaxe, e a convivencia co dó. Tres xeracións de mulleres colócannos fronte á carga do labor cotiá do campo e dos coidados”. A película recibiu ademais o premio da Cátedra Cruz-Vermella da USC, entre outras razóns, por “construír un mundo íntimo, xenerativo, persoal e sensible preñado de accións cotiás cunha estética minimalista na que os silencios, os xestos, as verbas, as luces e as sombras son quen de crear fonda impresión emocional no espectador”
O elixido mellor filme da sección Planeta GZ foi Humedalia de Irene Sáenz Carballeira, que “mediante un xogo de formatos nos somerxe nunha viaxe sensorial á busca dunha linguaxe propia” e no que “as paisaxes interior e exterior se constrúen e destrúen a un tempo a través de procesos artenasais nos que a materia física modela a imaxe”. O xurado desta sección decidiu outorgar ademais unha mención especial á película A fotografía velada é un espazo para unha proposta de memoria, de Sabela Eiriz, porque “empregando un dispositivo fílmico sinxelo tece unha reflexión estimulante arredor da materialidade da imaxe e da memoria. Unha investigación que abre a potencialidade do erro”.
Iria Veiga, Aaron Arias Dono, Celia Eiras, Xiana Rei e Xoán Vázquez González, integrantes do Xurado Novo de Curtocircuíto, concederon o premio que leva o seu nome a For Here Am I Sitting in a Tin Can Far Above the World de Gala Hernández “por ser unha acertada radiografía da realidade observada a través da lente da ciencia ficción, polo seu coidado formal edificado a partir do eclecticismo de recursos, e por constituír unha contundente crítica ás lóxicas do salvaxe mercado capitalista na era das criptomoedas”. Outorgaron tamén unha mención especial a Frialdad, de Andrea Sánchez “pola súa posta en valor do patrimonio audiovisual e por retratar a problemática da xentrificación desde unha perspectiva singular pero que traza un paralelismo coa realidade da nosa cidade”.
O palmarés da 21ª edición de Curtocircuíto complétase co Premio #OutraCompostela, un concurso de traballos dirixido ao estudantado para construír unha visión alternativa de Compostela empregando contidos en redes sociais con narrativa cinematográfica. A peza Fontes valeulles este premio a Mario Elías Blanco Boullosa e Andrea Rodríguez Regodeveses.
O acto concluíu coa proxección do filme documental Las novias del sur, de Elena López Riera, gañador do premio do público.
Na primeira fila, as premiadas Sabela Eiriz, Irene Sáenz Carballeira, Carme Méndez, Andrea Rodríguez Regodeveses e Mario Elías Blanco Boullosa; na fila de atrás, representantes da corporación municipal,d a Deputación da Coruña e da AGADIC co director do Festival (Foto: Cristina Padín)