Curtocircuíto bota a andar unha edición para afondar nos territorios menos explorados do cinema

•    A proxección do filme Vinte mil leguas de viaxe submarina musicado en directo pola formación efémera Submarina de Improvisación dá entrada á vixésimo primeira edición do Curtocircuíto-Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela
•    Do 1 ao 6 de outubro, o certame achegará ao público de Compostela unha programación cinematográfica e audiovisual de vangarda, cunha temática centrada nas profundidades mariñas e un notorio compromiso coa igualdade e a diversidade de ollares e procedencias
•    Curtocircuíto está organizado polo Concello de Santiago de Compostela co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, AGADIC e o ICAA.
 

Submarina de Improvisación puxo música en directo ao filme Vinte mil leguas de viaxe submarina

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto arrancou a súa vixésimo primeira edición este martes no Teatro Principal cunha sesión inaugural que contou coas intervencións da alcaldesa Goretti Sanmartín, da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e do director do festival Pela del Álamo, e coa presenza de representantes da corporación municipal e de diversas entidades que colaboran co certame. 

De esquerda a dereita, a concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao, a alcaldesa Goretti Sanmartín, o director do certame Pela del Álamo e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González (Foto: Cristina Padín)

O programa da sesión inaugural incluíu a proxección do filme Vinte mil leguas de viaxe submarina, realizado por Stuart Paton en 1916 e musicado en directo para a ocasión pola formación efémera Submarina de Improvisación, con Xavier Bértolo aos teclados e sintetizadores, Paulo Pascual ao theremín e Saúl Puga ao contrabaixo. Para a alcaldesa Goretti Sanmartín a escolla deste filme “é o perfecto exemplo da aposta de Curtocircuíto por unha programación expandida; que traspasa as fronteiras conceptuais, disciplinares e xeográficas máis transitadas do cinema para abrir, como o fixeron no seu día a película e a obra homónima de Verne, a nosa imaxinación e a posibilidade de camiñar cara a novos horizontes creativos”.

  

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín (Foto: Cristina Padín)

Até o 6 de outubro de 2024, a cidadanía compostelá e as/os amantes da cultura poderán gozar dun programa comprometido co seu tempo e cunha ampla representación internacional onde conviven o cinema con destacados espectáculos audiovisuais e sesións especiais con proxeccións e encontros entre destacadas profesionais e artistas, mostrando de novo a vontade da organización por ofrecer un programa que transcende a experiencia tradicional de visionado de filmes nunha sala de proxección.

Máis de corenta obras procedentes de dezaseis países e preto dun 66% de filmes asinados por cineastas mulleres, conforman unha edición que ten por temática as profundidades oceánicas e que agroma co albo de traer á superficie o talento emerxente e as novas linguaxes audiovisuais. 

O director de Curtocircuito, Pela del Álamo na súa intervención. (Foto: Cristina Padín)

A dicir do director de Curtocircuíto, Pela del Álamo, “o festival atópase ante unha etapa moi emocionante. Con esta edición ábrese un período de estabilidade para o que temos moitas ideas, sempre coa teima de ser un espazo de intercambio entre o talento galego e o talento internacional, un punto de encontro para diferentes disciplinas e formatos”. 

Integrantes da corporación municipal no arranque da sesion inaugural de Curtocircuíto (Foto: Cristina Padín)

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela é un certame organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, da AGADIC e do ICAA. Os abonos e as entradas tanto para o resto de proxeccións como para os espectáculos en vivo desta  21ª edición poden adquirirse a través de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19h) e no do Teatro Principal durante os días en que se desenvolve o certame.