Cándido Pazó adapta e dirixe o texto orixinal do dramaturgo e cineasta irlandés nunha montaxe coas interpretacións de Evaristo Calvo, Santi Romay, María Roja e Diogo Sales. As entradas para o espectáculo están dispoñibles na páxina web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C
O Teatro Principal acolle esta semana dous pases da obra ‘Entrega en man’, da compañía teatral Contraproducións. O venres 26 e o sábado 27 de abril, ás 20.30 horas, o público compostelán poderá gozar da adaptación que o director e dramaturgo Cándido Pazo constrúe a partir de ‘A Behanding in Spokane’, do escritor e cineasta irlandés Martin McDonagh. O autor de filmes multipremiados como ‘Tres anuncios nas aforas’ e ‘Almas en pena de Innishering’ reviste de humor negro e acedo a crítica á xenofobia, ao machismo e ao racismo nun texto de diálogos vivos e rápidos en boca de personaxes tráxicos e cómicos ao mesmo tempo. A versión de Pazó mantén a pegada cinematográfica e mesmo tarantiniana desta comedia denegrida que outorga grande peso ás personaxes interpretadas por Evaristo Calvo, Diogo Sales, María Roja e Santi Romay.
A trama sitúanos nunha cotrosa habitación de hotel dunha pequena e anónima vila estadounidense. Nela, Carmichael (Evaristo Calvo) un supremacista branco estrafalario e agresivo, ofrece unha recompensa por recuperar a man que lle cortaron 27 anos atrás e que, dende aquela, leva buscando sen descanso. Un rapaz negro, Toby (Diogo Sales) e a súa moza branca Marilyn (María Roja) pretenden enganalo ofrecéndolle unha man que, pola cor, se ve ás claras que non é a del. A insólita transacción vese en risco pola intromisión de Mervyn (Santi Romay) o estraño recepcionista do hotel.
A peza foi estreada no mes de xuño na Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e continúa a xirar por Galicia ao abeiro do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios. As entradas para os dous pases en Compostela poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) e no do Teatro Principal (xa no día de cada espectáculo dende as 19.30 horas). Ao remate da obra o venres 26, haberá unha #posfunción para que o público poida coñecer os detalles desta montaxe teatral da man de Pazó e do elenco da peza.