Os espectáculos de Cía. Pena Plana e de La Fam Producións e osc concertos da RFG e da BMSC inclúense no programa ‘Compostela, a estrela do Nadal’ do Concello
Imaxe do espectáculo 'Veus que no veus', da Compañía Pepa Plana.
Compostela Cultura pecha esta fin de semana a súa programación de artes escénicas de 2023 con dúas propostas circenses. A primeira delas, chega ao Teatro Principal o sábado ás 20.30 horas da man da Compañía de Pepa Plana, Premio Nacional de Circo en 2022. O seu espectáculo Veus que no veus reivindica a figura da pallasa nunha obra que presenta a versión feminina das chamadas 'entradas clásicas', os números cos que os pallasos, tradicionalmente homes, iniciaban os espectáculos ou enlazaban escenas dos números circenses. Pepa Plana e Clara del Ruste son as dúas pallasas en escena desta proposta dirixida por Joan Arqué para público maior de 10 anos que forma parte do programa Circo a Escena da Rede de Teatros e CircoRed promovida polo Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM).
O domingo 3, o circo trasládase ao Auditorio de Galicia grazas ao labor de La Fam Producións. A partir das 18.30 horas a compañía leva ao escenario Ambulant, un espectáculo para gozar en familia no que artistas e músicos montan e preparan en directo toda a escenografía para a función e converten o público da sala en parte da gran familia do circo. Adrian Schvarzstein dirixe esta función a partir dunha idea orixinal de Sergi Heredia que conta con artistas circenses como Víctor Segarra, Dídac Cano, Gustavo Arruda 'Guga', Amanda Wilson, David Tornadijo 'Torna', Paco Caravaca, Laura Barba e cos músicos Manel Chust, Rubén Traver e Alberto Guardiola.
Dous concertos para todos os públicos
A Real Filharmonía de Galicia ofrece este sábado Pulcinella e a máscara máxica, un concerto de corte familiar con Javier Fajardo na dirección, Malu Balado no guión e na dirección artística, Rodrigo Rodríguez na narración e Marta Placer na danza. O recital, baseado na Pulcinella, Suite para orquestra de Igor Stravinsky, arrancará ás 18 horas no Auditorio de Galicia.
A oferta musical da fin de semana complétase co concerto French Open, que a banda Municipal de Música de Santiago Compostela ofrece o domingo ás 12 horas no Teatro Principal. A mestría do director convidado Alex Schillings aportará unha interesante lectura a un programa que inclúe as composicións I vespre siciliane de Giuseppe Verdi, a Symphonie Iberique de Serge Lancen, as Trois pièces pittoresques de Emmanuel Chabrier e a Suite Française de Darius Mulhaud.
Compostela, a estrela do Nadal
Todas estas actividades forman parte do programa das Festas de Nadal que este ano se presenta baixo a marca 'Compostela, a estrela do Nadal', inspirada na simbólica estrela de oito puntas de Santiago. Este novo programa aglutina un amplo abano de propostas para todos os públicos e de diferentes barrios e parroquias baixo unha mesma marca co fin de converter estas festas nas terceiras de entidade da cidade, tras o Apóstolo e a Ascensión.
As entradas dos espectáculos de Compostela Cultural para esta fin de semana están dispoñibles na web compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C· Punto de Información Cultural.