Cineuropa celebra 20 anos do programa ‘Cinema en Curso’ cunha proxección especial de filmes

Jaione Camborda, Marcos Flórez, Ángel Santos e Xacio Baño presentarán obras desenvolvidas polo estudantado galego participante en 'Cinema en Curso'

O cinema de non ficción cobra protagonismo esta semana coa presentación dos últimos traballos de Margarita Ledo Andión, Ramón Lluís Bande e Feyrouz Serhal, e coa entrega do premio a Flávia Castro

A Real Filharmonía de Galicia pon son en directo ao humor de Buster Keaton na súa tradicional cita con Cineuropa

O programa 'Cinema en curso' celebra 20 anos

Cineuropa celebra este xoves os vinte anos de ‘Cinema en curso’. Trátase dun programa pedagóxico de creación cinematográfica en escolas e institutos con máis de trinta obradoiros en Galicia, Cataluña, Euskadi, Madrid, a Comunidade Valenciana e Navarra, e que tamén promove actividades en Alemaña, Colombia, Eslovenia, Lituania, México e Serbia. En Galicia desenvólvese dende hai unha década coa Filmoteca de Galicia (Agadic – Xunta de Galicia).
‘Cinema en curso’ propicia o descubrimento por parte da mocidade do cine como arte, creación e cultura e desenvolve as potencias pedagóxicas da creación cinematográfica no contexto educativo. Carla Andrade, Xacio Baño, Jaione Camborda, Fon Cortizo, Eloy Domínguez Serén, Marcos Flórez, Ángel Santos e Alejandro Tarraf conforman en Galicia o equipo de cineastas. A nivel estatal, toman nel parte Jaume Claret Muxart, Mertixell Colell, Mikel Gurrea, Carla Simón, Daniel Tornero e Jonás Trueba.
Este xoves ás 18.15 horas no Salón Tatro, as persoas responsables do programa e os cineastas Marcos Flórez, Xacio Baño, Ángel Santos e Jaione Camborda presentarán unha selección dos traballos realizados polo seu estudantado ao longo dos últimos anos. Na sesión, proxectaranse as obras Arredor do día. Retratos na Terra de Montes, O borboriñar das insuas, Ata pronto, adeus e As distancias. 

Flávia Castro recibe este mércores o Premio Cineuropa

A ollada documental centra a programación da semana coa presenza de Flávia Castro, Margarita Ledo Andión, Ramón Lluís Bande e Feyrouz Serhal
A realizadora brasileira Flávia Castro, xurado da presente edición do festival, recibe este mércores o Premio Cineuropa á súa traxectoria nunha sesión que incluirá a proxección do filme Diário de uma busca, un documental no que retrata a historia de vida do seu pai Celso, xornalista e militante de esquerdas que, en 1984, apareceu sen vida en Porto Alegre, no piso dun suposto ex oficial nazi. Este episodio é o punto de partida para unha viaxe no tempo e na xeografía do exilio a través de cartas, lembranzas e testemuños marcados pola historia do Brasil e polo fracaso dun proxecto político.

 

Fotograma do filme Prefiro Condenarme, de Margarita Ledo Andión

Alén da participación de Castro, a programación documental de Cineuropa conta esta semana con outras dúas presenzas destacadas. 
A cineasta, escritora e docente Margarita Ledo Andión, Premio Cineuropa en 2020, presenta este xoves no Salón Teatro o seu último traballo. Prefiro Condenarme chega a Compostela tras se exhibir na sección First Look do Festival de Locarno e facerse coa mención especial da sección Nuevas Olas do Festival Internacional de Cine de Sevilla (SIFF) “pola importancia de recuperar o empoderamento das mulleres, as historias do pasado que foron silenciadas non só politicamente senón cinematograficamente” . O filme de non ficción re-constrúe a historia de Sagrario, mariscadora da ría de Ferrol xulgada en 1972 por adulterio, un dos delitos específicos das mulleres que contemplaba a ditadura franquista. A través de arquivos persoais e oficiais, da presenza da propia Sagrario e das interpretacións de Iria Pinheiro, Melania Cruz e Mónica Camaño, Ledo Andión tece un relato no que, a dicir da autora, “como unha nova Antígona, Sagrario se sitúa fóra da regra e coa súa desobediencia reclama a lei aínda non escrita á vez que o desexo. No fondo, a igualdade coas de ‘arriba’ que ninguén critica”. A directora e outras integrantes do equipo do filme participarán tras a proxección nun coloquio coas persoas asistentes. 

O cinema de Margarita Ledo Andión é ben coñecido polo público de Compostela como o son o seu compromiso coa lingua e cultura galegas e coa abordaxe da memoria histórica e das loitas sociais dende os filmes. A súa película Nación (2020) que lle valeu, entre outros o premio especial á mellor dirección do SIFF en 2020 e o Mestre Mateo a mellor documental no 2021, formou parte tamén do programa da 34ª edición de Cineuropa. Polas pantallas do festival pasaron en primicia anteriores filmes da autora, como A cicatriz branca (2012), Liste, pronunciado Líster (2007) e Santa Liberdade (2004). 

Fotograma de Retaguardia, de Ramón Lluís Bande.

O programa do xoves incide na ollada documental nunha dobre sesión en NUMAX con Ramón Lluís Bande. O cineasta asturiano presenta ás 16 horas Vaca mugiendo entre ruinas e ás 18.30 horas Retaguardia, dous documentais cos que afonda na memoria histórica e a identidade cultural de Asturias. En ambos os casos, tras a proxección Bande manterá un coloquio co público. 
Retaguardia ficciona a reconstrución dunha colección de películas imaxinarias que potencialmente se puideron rodar no ano 1937 en Asturias. Imaxina así un posible cinema de propaganda impulsado desde as institucións e as organizacións políticas e sindicais republicanas asturianas que ben puido desenvolver o equipo xornalístico do diario socialista Avance. O filme apóiase nas series de fotografías de Constantino Suárez e nos textos de Ovidio Gondi, Juan Antonio Cabezas ou Juan Manuel Vega Pico e propón a arqueoloxía dunha posibilidade que, asemade, transforma en cinema.
Vaca mugiendo entre ruínas achégase ao 24 de agosto de 1937, cando o Consello Interprovincial de Asturias e León, máxima autoridade republicana, se constitúe en “Consello soberano de goberno de todo o territorio da súa xurisdición, e a el quedan integramente sometidas todas as xurisdicións e organismos civís e militares que funcionan e funcionen en diante dentro do referido territorio”. O filme viaxa a este momento da historia contemporánea de Asturias a través do testemuño do seu principal responsable, Belarmino Tomás, último presidente lexítimo de Asturias antes do triunfo do fascismo, e dunha colección de “evidencias” (fotografías, debuxos, pinturas, textos xornalísticos…), desde uns meses antes de que se produza a declaración ata a derrota, caída e evacuación de Xixón, o 20 de outubro de 1937.

 

Fotograma de Maroun volve a Beirut

A seguir, a cineasta libanesa Feyrouz Serhal presenta o documental Maroun volve a Beirut (Wa ada Maroun ila Beirut), que foi seleccionado no Festival de Cine de Venecia. Feyrouz Serhal realiza unha viaxe dun día por Beirut para explorar a vida e obra do falecido cineasta Maroun Baghdadi. Percorre as rúas da cidade, que moldearon profundamente a súa viaxe na vida e mais no cinema, e vai atopando a persoas achegadas a el e coas que compartiu a experiencia da guerra civil. Así que vai avanzando na investigación, vai aflorando tamén o trasfondo sociopolítico que influíu na obra de Maroun e vaise vendo como o seu cine capturou as historias da nación. A película ofrece unha perspectiva actual sobre os últimos cincuenta anos da historia do Líbano, conectando o pasado co presente e é a ópera prima da cineasta. 
Tras a proxección do xoves ás 20.30 horas en NUMAX, realizará un coloquio co público. 

Timothy Brock dirixe a Real Filharmonía de Galicia da interpretación da banda musical de O heroe do Río

A Real Filharmonía de Galicia pon son a Buster Keaton
A cita anual de Cineuropa coa Real Filharmonía de Galicia vén desta volta da man de Steamboat Bill Jr. (en galego traducida como O heroe do río), o filme que en 1928 dirixiron Charles Reisner e Buster Keaton, quen tamén a protagonizou. Para esta comedia muda, o director e compositor Timothy Brock escribiu, no 2003, unha banda sonora na que pasea pola ironía, a dozura e a extravagancia da película, a través dun traballo orquestral cheo de matices. A dicir de Brock, “compoñer música para Keaton demanda pensar moito na relación narrativa entre a escena e a música, en termos de sincronía e cores musicais, pero demanda tamén saber rir…” como lle aconteceu a Shostakovich, gran compositor para cinema, en 1926 cando, acompañando ao piano unha película de Chaplin, non puido sufocar unha sonora gargallada, gañando o seu despido fulminante. A Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia acollerá a proxección do filme con música en directo da RFG o xoves 21 ás 20.30 horas.

Cineuropa 38
Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña. Na súa 38ª edición conta tamén co apoio do Instituto Camões, o Festival Internacional de Cine de Xixón, o festival Artekino e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais alén de diversos patrocinios de empresas e entidades da contorna de 
Compostela.