Cineuropa acolle este venres as estreas de Dogman e Deslembro

O venres celebraranse varias citas cinematográficas ineludibles. Ás 20 h. poderemos ver no Teatro Principal o último filme de Matteo Garrone, autor da exitosa Gomorra. O filme, que recibiu o premio ao mellor actor no Festival de Cannes, relata un caso criminal real que conmocionou Italia, un salvaxe pulso entre un perruqueiro de cans e un boxeador nun arrabalde romano, nun duelo excepcional dos seus actores, Edoardo Pesce e Marcello Fonte

Ás 22 h. no Salón Teatro comezará a emotiva Deslembro, o novo filme con toques autobiográficos de Flavia Castro, que se centra na figura de Joanna, unha adolescente filla dun desparecido pola ditadura brasileira, e o seu desexilio obrigatorio, que a conecta esa memoria que lle foi borrada polo tempo, a imaxinación e a información fragmentada. Un relato de iniciación á vez poético e político, entrañable e necesario. Á mesma hora, pero no Principal, comezará The Guilty, un thriller de orixinalidade esmagadora. O sueco Gustav Möeller é quen de soster o ritmo frenético nun suspense xerado desde un espazo mínimo: un policía e un teléfono. De aí, o manexo do son, dos sabios golpes de guión que atrapan e bandean con mestría e sen descanso, no que son imaxes só suxeridas pola conversación.

A programación dos Multicines Compostela comezará ás 17:30 cun pase gratuíto de Benvenuta, de André Delvaux, e pasará ás interesantes óperas prima Sem raiz, de Renan Rovida (ás 19:30 h.), e Dressage, de Pooya Badkoobeh (ás 21:15 h.). Renan Rovida constrúe unha alegación contra a precariedade laboral e a ferocidade do capitalismo nun filme dividido en catro capítulos protagonizados por catro mulleres traballadoras, coa historia dunha quinta muller entreverada entre eles. Pola súa banda, a multipremiada Dressage, descuberta na sección Generation da última edición do Festival de Berlin, sumérxenos de cheo no dilema moral ao que se enfronta a nova protagonista, plantexado con gran pulso cinematográfico da novel directora e sostido por un elenco sobresaínte co que constrúe escenas dunha forza impresionante.

Ás 18 h. desta tarde teremos unha nova cita con Queyi, que acudirá a presentar a súa curta Conversaciones alrededor de un piano que vino de Europa, que se proxectará en sesión continua con La flor de la vida, de Claudia Abend e Adriana Loeff, un emotivo documental sobre a soidade, o amor e o desamor.

 

PROGRAMACIÓN CINEUROPA VENRES 9

TEATRO PRINCIPAL

16:00 TAMAÑO NATURAL* (versión íntegra con metraxe engadida) Luis García Berlanga

18:00 AL DESIERTO Ulises Rosell

20:00 DOGMAN Matteo Garrone

22:00 THE GUILTY Gustav Möller

23:30 BELMONTE Federico Veiroj

SALÓN TEATRO

16:30 ROBAR A RODIN Cristóbal Valenzuela Berríos

18:00 CONVERSACIONES ALREDEDOR DE UN PIANO QUE VINO DE EUROPA Queyi

LA FLOR DE LA VIDA Claudia Abend e Adriana Loeff

20:15 DJON AFRICA Filipa Reis e Joao Miller Guerra

22:00 DESLEMBRO Flavia Castro

23:45 IL PORTIERE DI NOTTE / PORTEIRO DE NOITE* Liliana Cavani

MULTICINES COMPOSTELA (SALA 2)

17:30 BENVENUTA* André Delvaux

19:30 SEM RAIZ Renan Rovida

21:15 DRESSAGE Pooya Badkoobeh

SEDE AFUNDACIÓN

17:00 THE ADJUSTER / O LIQUIDADOR* Atom Egoyan

19:00 UNE FLAMME DANS MON COEUR / UNHA LAPA NO MEU CORAZÓN* Alain Tanner

Nota: as películas marcadas cun asterisco son  con entrada libre e as que están marcadas con dous asteriscos son de balde previa retirada de convite.