O Teatro Principal acollerá este domingo ás 20.30 horas o acto de clausura de Curtocircuíto, que incluirá o espectáculo CRISPR, the Pattern of Life AV a cargo de Bromo, a entrega de premios aos mellores traballos e a proxección do filme gañador da Sección Oficial Cosmos.
O Festival Internacional de Cinema CURTOCIRCUÍTO alcanza esta fin de semana a súa recta final cunha programación, vinculada á temática das profundidades mariñas, protagonizada polos shows AV, as sesións especiais con proxeccións e encontros entre destacadas profesionais e artistas. Ademais, continúan as funcións de cinema nas distintas seccións do festival, e o domingo terá lugar a gala de clausura. Desta forma, Curtocircuíto mantén ata a última xornada a súa aposta por transcender a experiencia tradicional de visionado de filmes nunha sala de proxección e pola representación internacional.
A xornada deste venres empezou na Facultade de Ciencias Comunicación e acolleu unha nova sesión do Club de Cinema Facom: ‘Grandes éxitos Curto’. Pola tarde, a partir das 16.30 horas, o Teatro Principal terá proxeccións de curtametraxes cos programas 5 de Cosmos e 1 de Supernova. Ás 18.00 horas, o artista e docente Mario Santamaría (Premio Obra Miquel Casablancas, 2020) reflexionará sobre infraestruturas submarinas para internet na súa sesión Seguir un cable e enterrarnos no mar. Esta sesión completarase coa proxección de Deep Down Tidal (Tabita Rezaire, 2017), un vídeo ensaio estilo net.art, que entretece narrativas cosmolóxicas, espirituais, políticas e tecnolóxicas sobre a auga e o seu papel na comunicación, antes e agora.
Ademais, este venres prográmanse dous shows AV. Iván Torres actuará con Andrés Rodrigues e Xoán-Xil ás 19.30 horas no Teatro Principal. Presentarán ‘URHO’, un proxecto performativo que parte da película filmada en celuloide por Iván Torres, a bordo do crebaxeos finlandés URHO. Para a versión en directo, o artista afincado en Santiago contará coa colaboración dos músicos e investigadores sonoros Andrés Rodrigues e Xoán-Xil, que xerarán unha paisaxe sonora mediante o uso de sintetizadores e instrumentos construídos polo propio Xoán-Xil.
A Sala Capitol acollerá ás 22.30 horas a proposta Pitch Blender AV con Zoë Mc Pherson & Alessandra Leone. A continuación, DJ Set de ¥ØOu$UK€ ¥UK1MAT$U. A italiana Alessandra Leone e a fraco-irlandesa Zoë Mc Pherson, compañeiras no selo SFX, presentarán en Santiago de Compostela Pitch Blender, un espectáculo audiovisual onde levan á pista de baile os experimentos cibernéticos, entre a rave e o espazo artístico, que poboan o recente álbum homónimo de Zoë. Considerado como un dos mellores do mundo por moitos dos seus colegas, o DJ xaponés Yousuke Yukimatsu traballa cunha inmensa variedade de xéneros para xerar conexións alucinantes. Fixo nas instalacións/performances de Asian Dope Boys, o seu set de 2022 en Hör Berlin acumulou máis de dous millóns de visitas en menos de dez meses.
O sábado 5 de outubro, o Hotel NH acollerá ás 12.00 horas a mesa redonda Instrumentos de Visión: metodoloxías e analoxías entre a ciencia e a fantasía. Esta sesión especial contará coa participación do físico teórico Carlos Salgado, director do IGFAE; Luísa Martínez, responsable de Cultura Científica de CSIC-Galicia e o investigador e artista sonoro, Xoán-Xil. A conversación partirá da obra exposta por Linke, para facer unha analoxía entre os instrumentos de visión científica e as ferramentas de visión e filmación para, desde aí, mergullarnos nas analoxías e diverxencias dos métodos de investigación artística e científica.
Xa pola tarde, ás 18.00 h no Teatro Principal, a oceanógrafa, escritora e artista Mae Lubetkin percorrerá as profundidades oceánicas na súa sesión Futuros dos fondos mariños: Ciencia e ficción en dimensións profundas. Lubetkin desvelará as historias e estudos do proxecto Seafloor Futures, realizado mediante talleres, cofabricación, reconstrución 3D, animación, deseño sonoro, obras escritas e unha base de datos 3D recompilada do seu estudo dos hábitats das profundidades mariñas.
O cinema levará ao Teatro Principal os programas 5 e 6 da sección Cosmos, ás 16.30 e 21.00 horas, respectivamente. E a música será o prato forte da xornada, con dous dos shows AV máis esperados desta edición. Ás 20.00 no Principal, The Dance of the Witches AV a cargo de Emil Saiz & Judith Adataberna ft. Jean Painlevé. O músico madrileño e a artista visual vilaboesa reinterpretan en directo a obra submarina do mítico cineasta e biólogo francés Jean Painlevé. Neste proxecto, comisariado por Curtocircuíto, as texturas xeradas pola guitarra de Sáiz fundiranse nun transo de texturas coas imaxes que propón Adataberna: re-filmacións das películas de Painlevé proxectadas sobre ferros de cobre, un material que historicamente foi utilizado en instrumentación náutica e en equipos de mergullo como escafandros, válvulas ou reguladores, tales como os que empregaba o propio Painlevé. Esta ao vivo AV/AV terá a súa estrea mundial en Curtocircuíto.
E a partir das 22.30 horas na Capitol, sesión tripla con Mwëslee (DJ Set); Femina AV de Riccardo Giovinetto; e 33EMYBW & Joey Holder AV. Diego Cobo aka Mwëslee, é un dos produtores de música electrónica e DJ máis recoñecidos da escena galega; é membro fundador do influente colectivo/selo Arkestra e participante da Red Bull Music Academy en 2005. Pola súa banda, o artista visual e multimedia, físico e profesor italiano, ademais de Fundador do dúo de música electrónica Ozmotic, Ricardo Giovinetto, presentará Femina, o seu primeiro proxecto en solitario. Trátase dunha obra que adopta múltiples formas, como performances audiovisuais, instalacións e composicións de concerto. Ademais, a produtora e artista visual 33EMYBW inspírase na música de baile moderna, a música tradicional e unha ampla gama de materiais visuais para xerar deseños de son experimentais. Actuará xunto á londiniense Joey Holder, unha artista cuxo traballo expón cuestións filosóficas relacionadas co futuro da ciencia, a medicina, a bioloxía e as interaccións entre humanos e máquinas. A súa obra propón unha «globalización» a partir de instalacións multimedia inmersivas.
O domingo 6 será a xornada de clausura desta vixésimo primeira edición de Curtocircuíto. A Expedición Metaturística, organizada en colaboración co colectivo Galiza Emocional, partirá ás 12.00 horas desde a porta do Teatro Principal e propoñerá un paseo polas rúas da cidade para facer turismo do turismo. Unha deriva desde a etnografía, a escoita e o xogo da man da antropóloga Valeria Mata e do artista Marcos PTT.
A programación cinematográfica chegará ao seu fin coas sesións 2 de Supernova e 9 de Cosmos, no Teatro Principal, ás 16.30 e 17.45 horas, respectivamente.
O colofón chegará, ás 20.00 no Teatro Principal, coa gala de clausura, que acollerá o espectáculo CRISPR, the Pattern of Life AV a cargo de Bromo (Paloma Peñarrubia & Azael Ferrer), unha proposta máis aló da música experimental e a arte xenerativa que convida a experimentar un enfoque practicamente documental que nos mergullará no coñecemento dos sistemas CRISPR, un dos avances máis emocionantes na historia da biotecnoloxía. A continuación levarase a cabo a entrega de premios e a proxección da película gañadora.
Venda de abonos e entradas
Os abonos e as entradas para a próxima edición de Curtocircuíto poden adquirise a través de Compostela Cultura.
Hai tres tipos de abonos: para todas as proxeccións, cun prezo de 20 euros; para os Live AV (espectáculos audiovisuais en directo), cun custo de 30 euros, e o abono integral por 40 euros, que inclúe a asistencia a todas as proxeccións, concertos e experiencias audiovisuais.
As entradas para as proxeccións custan 4 €. O prezo das sesións live AV no Teatro Principal é de 8 €, e de 14 € na Sala Capitol. O acceso ás Sesións Especiais no Teatro Principal é gratuíto, previa recollida de convite.
As entradas pódense mercar tamén de forma presencial, na Zona C - Punto de Información Cultural, en horario: de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h ademais de no Teatro Principal durante os días nos que se celebra Curtocircuíto.
As invitacións para a gala de clausura xa están dispoñibles e pódense recoller en liña e de forma presencial en Zona C - Punto de Información Cultural.
Curtocircuíto - Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, da AGADIC e do ICAA.