• A danza volve este luns ao parque de Bonaval da man da compañía guipuscoana Ertza e da peza Otempodiz
• Fernando Cortizo presenta o martes o filme documental Buscando a Santa Compaña, nunha proxección precedida das intervencións do propias cineasta, do actor Carlos Blanco e do compositor Carlos Fernández
• Benxamín Otero e Melania Cruz levan o mércores á Alameda compostelá unha performance poético musical titulada Antoloxía dos lugares da luz
Fenias Nhumaio e Deissane Machava conforman o elenco do espectáculo Otempodiz, da compañía de danza Ertza
Até o 29 de agosto o Festival C achega aos recunchos de Compostela numerosas e variadas propostas culturais de acceso libre e de balde para todos os públicos. Para abrir esta segunda semana de programación, a compañía guipuscoana Ertza desembarca o luns no cemiterio do parque de Bonaval con Otempodiz, unha peza enmarcada no circuíto Danza a Escena do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM). Concibido, dirixido e coreografado por Asier Zabaleta, o espectáculo é resultado dun proxecto de intercambio e colaboración artística entre Mozambique e Euskadi grazas ao apoio da AECID, a residencia artística Sortutakoak (Gipuzkoako Dantzagunea) e o festival Atlantikaldia de Errenteria. Dous bailaríns de Maputo, Fenias Nhumaio e Deissane Machava, conforman o elenco desta peza que arrancará ás 20.00 horas no parque compostelán.
O mesmo escenario servirá o martes de sala de proxección ao aire libre para a presentación do novo proxecto documental de Fernando Cortizo. Ás 21.30 horas, a longametraxe documental Buscando a Santa Compaña abrirá o espazo de cinema do Festival C. Nela, Cortizo recolle a procura dos últimos testemuños dun fenómeno que arrepiou a toda unha poboación durante séculos e afonda no valor etnográfico deste feito central no imaxinario e o patrimonio inmaterial galego. O filme conta coa opinión de figuras expertas en antropoloxía, etnografía e outras áreas diversas e con testemuñas reais que relatan as súas experiencias para desentrañar canto hai de certo e canto de mitolóxico nas aparicións da Santa Compaña. A proxección irá precedida das intervencións do propio Cortizo, do actor Carlos Blanco e do compositor do filme Carlos Fernández.
A actriz Melania Cruz e o músico Benxamín Otero únense en Antoloxía dos lugares da luz, un espectáculo poético musical que chega este mércores ao Festival C
A seguir coa axenda de actividades, o paseo da Ferradura da Alameda acollerá o mércores ás 20.00 horas a presentación de Antoloxía dos lugares da luz, unha performance poético musical coa voz de Melania Cruz e a voz, óboe, corno inglés, guitarra e caixa de música de Benxamín Otero a partir dos textos de Virginia Woolf, Lorca, Tanizaki, Celso Fernández Sanmartín, e Dores Tembrás, entre outros. A asistencia a este espectáculo é igualmente libre e de balde.
Obradoiros de circo e espazo de narración oral
A segunda semana do Festival C garda aínda lugar para propostas especificamente dirixidas ao público miúdo. A Casa das Máquinas e o parque de Galeras darán acubillo a dous novos obradoiros circenses para a rapazada da man de Circonove. Desenvolveranse o luns 12 e o mércores 14 entre 11.30 e as 13.30 horas. O primeiro deles está pensado para público entre 6 e 12 anos de idade e o segundo para a cativada de 3 a 5 anos de idade. Cada grupo está limitado a 25 participantes, que poderán inscribirse mediante mensaxe ao enderezo circonoveoficina@gmail.com. Cómpre indicar no texto o nome completo e a idade da/o participante e os datos e teléfono do contacto da persoa adulta ao seu cargo.
Ademais, o martes, día 13 de agosto, ás 18.00 horas, Magín Blanco levará aos Contos do Parque do programa Apego o seu Caderno de Cores e Cancións, un concerto participativo na compaña do músico Pablo Vidal no que convida as crianzas a achegarse ao proceso creativo e a xogar cos elementos que compoñen as cancións: as melodías, as harmonías e a musicalidade poética das rimas. Indicado para nenas e nenos de 3 anos en diante.
Información actualizada na web e redes de Compostela Cultura
A información ao detalle de todas as actividades que conforman o Festival C está dispoñible na web compostelacultura.gal. O cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura.