Chega o Maratón de Cineuropa 38, máis de dez horas de cinema fantástico no Teatro Principal

A curtametraxe Estado de necesidade, das galegas ALSO Sisters, abre ás 22.00  horas deste venres un programa con outros sete filmes en proxección

 O sábado 23, o Teatro Principal acollerá a gala de clausura de Cineuropa, para a que xa é posible retirar convites
 

Fotograma do filme Estado de necesidade (The Unbearing), das ALSO Sisters

Cineuropa presenta este venres unha das actividades máis populares do festival, o maratón cinéfilo. A partir das dez da noite, o Teatro Principal dará acubillo a máis de dez horas de cinema que se estenderán até a mañá do sábado e durante as que o público poderá ver oito películas. O maratón da 38ª edición arranca con Estado de necesidade (The Unbearing), o último traballo das ALSO sisters, Miriam Albert-Sobrino e Sonia Albert-Sobrino, dúas cineastas que exploran e amplifican a experiencia feminina en sociedades patriarcais a través das súas narrativas. Na sesión, o público poderá ver tamén a película gañadora do premio á mellor fotografía na última edición do festival de Sitges, Strange Darling (2024), de J. T. Mollner, unha aventura dunha noite que se torna nunha persecución de pesadelo. Tamén de Sitges chegan Azrael (2024), de E. L. Katz, coñecido pola súa capacidade para fusionar a comedia negra e o horror na súa obra, e as francesas Mads (2024) de David Moreau e La nuit se traîne (2024), de Michiel Blanchart. Haberá tamén dúas películas sorpresa e a xornada rematará coa proxección de La noche de las gaviotas, a última entrega da tetraloxía de terror de serie B de Amando de Ossorio. As entradas para asistir ao maratón desta edición xa están esgotadas. 

Gala de clausura de Cineuropa: premios dos xurados e proxección de Les Fantômes
Para o que si quedan aínda localidades dispoñibles é para a gala de clausura da 38ª edición de Cineuropa que terá lugar este sábado ás 20 horas no Teatro Principal. O público pode retirar convites (máx. 2 por persoa) na Zona C, na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes do propio teatro. Durante o acto, que contará coa presenza da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, do deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, e da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, daranse a coñecer as películas gañadoras das diferentes seccións competitivas do certame e proxectarase o filme Les Fantômes (A rede pantasma) de Jonathan Millet. 
O Xurado Oficial da edición, formado polas cineastas Flávia Castro e Sonia Méndez xunto á directora de Cinemateca Uruguaya, María José Santacreu, entregarán os premios a mellor película, mellor dirección, mellor guión, mellor interpretación feminina e mellor interpretación masculina. 
As mesmas categorías serán sometidas ao ditame do Xurado Novo de Cineropa 38, que conformaron Alejandro Alonso, Antía Castillo, Carmen Mato, Raquel Rodríguez e Uxío Figueroa de la Fuente. 

Fotograma de Les Fantômes, de Jonathan Millet

Tras facer público o palmarés de ambos os xurados proxectarase o filme Les Fantômes (A rede pantasma), seleccionado na Semaine de la Critique do Festival de Cannes 2024 e debut de Jonathan Millet como director de longametraxes. A película relata a historia de Hamid, un profesor sirio que foi forzado ao exilio pola brutalidade do réxime do seu país. Hamid decide unirse a un grupo secreto dedicado a perseguir e capturar os líderes responsables da represión e sufrimento do seu pobo.  Despois de anos de dor e recordos indelebles, a súa misión lévao a Francia, onde segue o rastro dun home que simboliza o seu peor pesadelo: o seu antigo torturador, un oficial de alto rango que agora vive na clandestinidade. A loita de Hamid pola xustiza mestúrase cun desexo de vinganza que o consome.

Cineuropa 38
Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña. Na súa 38ª edición conta tamén co apoio do Instituto Camões, o Festival Internacional de Cine de Xixón, o festival Artekino e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais alén de diversos patrocinios de empresas e entidades da contorna de 
Compostela.