Guadi Galego, Olaia Maneiro, de Tanxugueiras; e Ula e Mon, de Monoulious DOP, entre as artistas convidadas neste concerto especial do 28 de decembro. Xa se esgotaron as entradas dispoñibles para a venda en web pero aínda restas algunhas localidades de anfiteatro que se poderán adquirir na Zona C e no despacho de billetes do Principal
O Teatro Principal acollerá o xoves 28 de decembro ás 20.30 horas o concerto co que A banda da Loba pecha a súa xira Xabón Lagarta. Será a despedida dun espectáculo que leva ao directo o seu cuarto traballo discográfico, estreado abril de 2022. Un traballo e unha posta en escena que se basea no universo vital das lavandeiras e que se detén nos lavadoiros como espazo de reflexión e insubmisión, como lugar onde tecer esa rede de coidados e afectos coa que enfrontar o día a día, onde poder expresar as preocupacións e os desexos máis prohibidos, rebelándose contra un sistema que “sabéndonos imprescindibles, nos nega dende a raíz”.
Promovido polo Concello de Santiago, este será un concerto moi especial, no que Andrea Porto Mato, Estela Rodríguez Carvalho, Inés Mirás Vieites, Marcela Porto Mato e Xiana Lastra Pernas, as cinco integrantes de A banda da Loba, estarán acompañadas de amizades que fixeron camiño canda elas durante esta última xira e tamén durante a vida da formación. Entre outras artistas, que acabarán de desvelarse nos vindeiros días, subirán con elas ao escenario Guadi Galego, Olaia Maneiro, de Tanxugueiras; e Mon e Ula, de Monoulious DOP.
A banda da Loba vén de percorrer, ao longo dos últimos sete anos, todos os recunchos da xeografía galega e algunhas cidades do estado español, acadando unha recepción máis que positiva das súas músicas, nas que as mensaxes máis comprometidas se visten de ritmos diversos estilisticamente e melodías pegañentas, para cantar e bailar, sen deixar a ninguén indiferente.
Con este concerto fin de xira poñerán un punto e seguido na súa andaina musical para mergullarse, no vindeiro 2024, no proceso creativo do seu seguinte traballo discográfico.