Duobitatio é o dúo formado polo violinista Antonio Viñuales e a pianista Rosalía Gómez Lasheras e que ambos crearon en Suíza, onde realizaron estudos de mestrado. O vindeiro luns 24 de xuño, pdoeremos escoitalo ás 20.30 h no Paraninfo da Universidade dentro das Xornadas de Música Contemporánea. Tras eles chegarán Vertixe Sonora o martes 25 no Auditorio de Galicia e péchase esta edición, dedicada á Diáspora, o xoves 27 no Teatro Principal co Taller Atlántico Contemporáneo. Todos os concertos son de balde ata completar a capacidade dos espazos.
Duobitatio
O principal vínculo entre Rosalía e Antonio é a curiosidade. A base da súa musicalidade é a procura constante de novas posibilidades: unha dúbida inexorable que deixa ao seu paso máis interrogantes que respostas. Duobitatio naceu na Musik Akademie Basel (Suiza), onde realizaron estudos de mestrado con Rainer Schmidt e Claudio Martínez Mehner, respectivamente. Comezaron como dúo baixo a dirección do Prof. Anton Kernjak, amplando a súa formación con outros expertos en música de cámara como Andonio Mercero, Kennedy Moretti, Sergio Azzolini, Rita Wagner e Ferenc Rados. O seu interese pola Interpretación Historicista levounos a estudar con David Plantier (violín barroco), Edoardo Torbianelli (fortepiano) e Jörg Andreas Bötticher (clavecín) na Schola Cantorum Basilensis. Asistiron a cursos de especialización en Royaumont (Francia), onde recibiron clases de Amandine Beyer, Chiara Banchini, Malcolm Bilson e Kristian Bezuidenhout. Duobitatio pretende converter o escenario nun laboratorio onde compartir os seus experimentos musicais co público. Teñen actuado en salas en España, Holanda e Suiza, tanto en instrumentos modernos como antigos. A súa filosofía musical foi premiada en concursos de Música de Cámara como o BOG Duo Competition (2017) e o Orpheus Swiss Chamber Music Competition (2018).
Rosalía Gómez Lasheras (Santiago de Compostela, 1994) comeza a súa formación pianística aos 5 anos con Alexander Gold e Mª José Cerviño. Posteriormente cursa Bachelor Degree no Conservatorio de Utrecht (Holanda) con Alan Weiss e Máster Performance con Claudio Martínez Mehner na Musik Akadmie Basel (Suiza). Paralelamente especialízase en Música Antiga estudiando clavicémbalo con Siebe Henstra e Jörg Andreas Bötticher e fortepiano con Edoardo Torbianelli na Schola Cantorum Basilensis. Actualmente realiza o Solistin Diplom na Musik Akademie Basel. O seu desenvolvemento viuse enriquecido polo consello de músicos como Kennedy Moretti, Anton Kernjak, Christian Bezuidenhout, Fou Ts’ong, Rita Wagner, Menahem Pressler, Galina Egyarzarova, Dimitri Bashkirov, Andras Schiff, Elisabeth Leonskaja y Ferenc Rados, entre outros. A súa intensa actividade concertística levouna a diversos escenarios en España, Holanda, Austria, Francia, Portugal, Bélxica, Suiza, Alemaña, Rusia, Exipto e Estados Unidos. Destacan os seus debuts no Concertgebouw Amsterdam (2013), Palau de la Música Catalana (2015) e Cairo Opera House (2016), así como a súa participación no Festival Moscow Meets Friends na capital rusa e o International Keyboard Institute and Festival en Nova York. Tras gañar concursos como o XVI Concurso de Piano Infanta Cristina (Madrid, 2012), o XV Cicle de Primavera (Barcelona, 2012), etc; en 2013 obtivo o 1º Premio no Concurso Young Pianist Foundation de Amsterdam –xunto co Laureates Award e o premio ás mellores interpretacións de Sonata Clásica, Schumann e Música Moderna-. Desde entón actúa con frecuencia nos principais auditorios holandeses. Conta cunha ampla experiencia como solista, tendo traballado con directores da talla de Philippe Herreweghe ou Ahmed el Sali; e orquestras como a Real Filharmonía de Galicia, Orquesta Presjovem, deOrkestacademie, Orquesta Gaos, Noord Nederlands Orkest, Nederlands Jonge Orkest, Cairo Symphony Orchestra e Basel Symphony Orchestra. O seu gran interese pola Música de Cámara levouna a festivais como o Festival International de Música de Cámara Joaquín Turina (Sevilla), Storioni Festival (Eindhoven), Delft Chamber Music Festival, e o Shiermonnikoog Chamber Music Festival. Foi eloxiada por críticos e importantes personalidades musicais pola súa sobresaínte madurez artística. En 2015 o periódico El Correo Gallego otorgoulle o título de Galega do Ano pola súa destacada traxectoria.
Antonio Viñuales Pérez (Huesca, 1992) foi finalista e gañador de premios en numerosos concursos nacionais e internacionais. Formou parte de diferentes orquestras novas como a JONDE (Joven Orquesta Nacional de España), actuando en ocasións como concertino, ou a EUYO. O seu especial interese polos grupos de música de cámara levaron a Antonio a actuar con grupos de recoñecido prestixio neste campo como a Orquesta Da Camera ou Band-Art. Antonio inicia os estudios musicais na Escuela de Música Miguel Fleta da súa cidade co profesor de violín Suavek Arszynski. Posteriormente ingresa no grao medio do Conservatorio de Huesca onde estudia co profesor Sergio Franco finalizando os seus estudios no curso 2007-08 obtendo as máis altas cualificacións. Continuou os seus estudios no Conservatorio Superior de Música do País Vasco ‘Musikene’, onde, baixo a tutela de Catalín Bucataru, rematou os seus estudos en 2014 con Matrícula de Honra en violín e música de cámara. Seguidamente continúa os seus estudios de Mestrado en Basilea co Profesor Rainer Schmidt, finalizándoos coas máis altas cualificacións en xuño de 2016. Ten realizado cursos de ampliación e clases maxistrales con profesores como: Ferenc Rados, Claudio Martínez Mehner, Sergio Azzolini, Anton Kernjak, Victor Parra, Keiko Wataya, Andoni Mercero, Benedicte Palko e cos membros dos cuartetos Casals e Quiroga. Na actualidad Antonio continúa os seus estudos de Mestrado na Hochschule für Musik en Basilea con Barbara Doll e Claudio Martínez Mehner desde setembro de 2017. Os recentes e non tan recentes intereses de Antonio levano a centrarse en materias como a música de cámara, o cuarteto de corda, a música antiga ou o canto.