

A directora e concertino, artista en residencia da RFG nesta temporada, tomará de novo este xoves a batuta da orquestra nun programa con obras de Marianne von Martinez, Maddalena Lombardini e František Xaver Richter
Marianne e Maddalena é o titulo programa que a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá este xoves 13, ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia, ao compás da batuta de Amandine Beyer, directora, concertino e artista en residencia da Orquestra esta temporada.
Na Sala Ángel Brage ecoará a Sinfonía con fuga en Sol menor, op. 7 de František Xaver Richter, un exemplo temperán da súa mestría neste xénero (o da fuga), do que escribiu un tratado co que se formarían as seguintes xeracións de compositores centroeuropeos. Seguirá a esta peza o Concerto para violín núm. 3 en La maior, op. 3 de Maddalena Lombardini, violinista, cantante e compositora, alumna predilecta do violinista Tartini e eloxiada por Leopold Mozart, quen interpretou por toda Europa a súa música. Finalmente, a noite concluirá coa Sinfonía en Do maior de Marianne von Martinez, mostra da xenialidade desta compositora cativadoramente clásica, alumna de Haydn e promotora de Mozart.
As entradas para o concerto (18 € con descontos do 50% para diferentes colectivos) están dispoñibles na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C. Tamén poderán ser aquiridas no propio Auditorio o xoves a partir das 19.30 horas.
As persoas asistentes ao concerto poderán gozar ademais esta mesma tarde dunha actuación especial da directora xunto ao alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais. Amndine Beyer dirixirá tamén un pre-concerto que arrancará na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, ás 19:30 horas, e que fará soar obras de G. Torelli, E. F. Dall’Abaco, G. P. Telemann, e A. Vivaldi interpretadas por Belén Aragunde (frauta), Francisco Javier Ruiz (óboe), Erika García (clarinete), Roi Guzmán (trompa), Óscar Rial (trompeta), Jorge Denis (percusión), Yiran Niu e Pedro Budiño (violín), Xiana Baliñas e Inés Fernando (viola), Esther Fernández (violonchelo) eIrene Sancho (contrabaixo).
Directora e violín
A directora e violinista Amandine Beyer ofreceu concertos en todo o mundo, tocando en prestixiosas salas como a Philharmonie de París, o Carnegie Hall de Nova York, o Wigmore Hall de Londres, Bozar en Bruxelas, o Oji Hall de Toquio… e foi convidada regularmente como solista e directora por conxuntos como Freiburger Barock Orchester, Akademie für Alte Musik, Arion Orchestra de Montreal, European Union Baroque Orchestra, Tafelmusik Baroque Orchestra de Toronto, Les Siècles, Ensemble 415 de Chiara Banchini, ou a Finnish Baroque Orchestra, entre outras.