Amandine Beyer dirixe a Real Filharmonía de Galicia no seu primeiro concerto como artista en residencia

A directora e concertino francesa afincada en Vigo ponse á fronte da orquestra nun programa centrado no Barroco francés con composicións de Jean-Féry Rebel, Elisabeth Jacques de la Guerre, Jean-Marie Leclair e Jean-Philippe Rameau

O concerto comezará ás 20.30 horas deste xoves 28 de novembro na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia

Aínda é posible facerse con localidades para o recital no despacho de billetes da Zona C e na web de Compostela Cultura

A directora e violinista Amandine Beyer, artista en residencia da RFG, ofrece este xoves o primeiro dos tres concertos nos que acompañará a orquestra nesta temporada (FOTO: Óscar Vázquez)

A Real Filharmonía de Galicia ponse este xoves ás ordes de Amandine Beyer, directora e instrumentista recoñecida como un referente na interpretación do repertorio clásico e barroco para violín. A primeira artista en residencia da orquestra exercerá de batuta e concertino no programa 'Os elementos', o primeiro dos tres que ofrecerá coa RFG ao longo da tempada 'Inconformistas'. 

A partir das 20.30 horas, ecoarán na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia pezas chave do clásico e barroco francés como Les Eléments de Jean-Féry Rebel, e as suites Céphale et Porcis de Elisabeth Jacques de la Guerre, Scylla et Glaucus  de Jean Marie Leclair (Scylla et Glaucus – suite) ou Zoroaste e Les Fétes d´Hébé de Jean-Philippe Rameau. Antes do inicio do concerto,  o público asistente poderá intercambiar ideas coa directora nunha nova cita do “Conversando con...”, que comezará ás 19.45 horas na Sala Mozart.

Discípulo de Lully, o compositor barroco Jean-Féry Rebel foi o director do aclamado conxunto Les 24 violons du Roi. A súa obra Les Élements percorre en sete seccións o singular camiño que vai desde o caos inicial á orde e beleza que os catro elementos traen ao universo: as frautas representan a auga e o aire; o baixo, a terra, mentres que os violíns simbolizan o lume. Este programa prosegue coa suite da ópera Céphale et Procris, da compositora e famosísima clavecinista Elisabeth Jacquet de la Guerre, obra que a fixo célebre no París de 1694. De la Guerre, a pesar dos seus éxitos, deixou de compoñer de maneira misteriosa. Pero se se fala de enigmas, a morte de Leclair, o compositor da suite Scylla et Glaucus, é sen dúbida unha das máis indescifrables da historia da música. Dúas suites de Rameau, Zoroastre e Les Fêtes d'Hebé pechan un concerto repleto de xoias barrocas da música francesa, que trae aos atrís da RFG a artista en residencia Amandine Beyer.

As entradas para o concerto están dispoñibles a un prezo de 15 euros (cos descontos do 50% habituais para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.) na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, en horario de 11 a 14 e de 16 a 19 horas). Tamén se poderán adquirir no despacho de billetes do propio Auditorio o propio día do concerto (dende unha hora antes do seu comezo).

Directora e concertino
Amandine Beyer ofreceu concertos en todo o mundo, tocando en prestixiosas salas como a Philharmonie de París, o Carnegie Hall de Nova York, o Wigmore Hall de Londres, Bozar en Bruxelas, o Oji Hall de Toquio… e foi convidada regularmente como solista e directora por conxuntos como Freiburger Barockorchester, Akademie für Alte Musik, Arion Orchestra de Montreal, European Union Baroque Orchestra, Tafelmusik Baroque Orchestra de Toronto, Les Siècles, Ensemble 415 de Chiara Banchini, ou a Finnish Baroque Orchestra, entre outras.

Ademais, Beyer é unha apaixonada da ensinanza, polo que creou en 2017 unha academia de música de cámara e traballo corporal con Gli Incogniti. Tamén é convidada regularmente para impartir clases maxistrais por todo o mundo.