AGADIC concede unha axuda ao Auditorio de Galicia, a través da convocatoria para a modernización de infraestruturas culturais, para dixitalizar a súa sala principal

Este apoio económico enmárcase na primeira convocatoria do programa de axudas para a modernización e xestión sustentable de infraestruturas de artes escénicas e musicais que a Xunta de Galicia convocou a través da AGADIC e ao abeiro dos fondos NextGeneration da Unión Europea e o Plan de Recuperación e Resiliencia. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, visitaron, xunto ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, a sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia para comprobar o resultado da reforma acometida no espazo a raíz desta subvención recibida da AGADIC para a instalación do novo sistema de dixitalización da maquinaria escénica.

Mercedes Rosón, Xaquín López e Jacobo Sutil visitaron as instalacións para comprobar en detalle os traballos realizados na sala principal que consistiron na instalación dun sistema de control dixital de motores para a motorización da maquinaria escénica da sala Ángel Brage. O prezo da instalación foi de 87.737,10 euros, dos cales o Auditorio de Galicia recibiu 40.144,09 euros a través destas axudas.

Mellora das condicións de traballo e de exhibición dos espectáculos

O departamento de Industrias Culturais da Xunta encárgase da xestión en Galicia desta  liña extraordinaria de apoio ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU.

A dixitalización, a xestión sustentable e o respecto medioambiental son as prioridades deste programa de fomento, de xeito que se está a facilitar a  renovación dos sistemas dixitais de iluminación, vídeo, audio e comunicación en rede, maquinaria escénica, xestión artística e produción en teatros, auditorios e salas. Así, o investimento estase a traducir  tanto nunha mellora das condicións de traballo do persoal técnico e artístico como nunha maior calidade na exhibición dos espectáculos diante do público, ademais de atender as necesidades de rehabilitación dos edificios para favorecer a súa adaptación ao cambio climático.

 

 

MÁIS INFORMACIÓN
  • A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, visitou a sala Ángel Brage para comprobar o funcionamento deste novo sistema dixital de maquinaria escénica
  • As axudas son xestionadas pola Xunta de Galicia ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos NextGeneration EU
  • A instalación costou 87.737,10 euros, dos cales se recibiron a través desta axuda un total de 40.144,09