A aclamada poeta palestina Rafeef Ziadah chega a Compostela coa súa poesía que “ensina vida”

Acompañada da música de Phil Monsour, ofrecerá o recital poético 'Xenocidio nunca máis' este mércores 18 ás 20 horas no Teatro Principal

A entrada é de balde previa retirada de convites en compostelacultura.gal e no despacho de billetes do teatro

Rafeef Ziadah, unha das poetas palestinas máis coñecidas a nivel mundial, estará en Compostela o próximo 18 de decembro cun recital no que a poesía irá acompañada pola música en directo de Phil Monsour, presentados por Iván Prado. Un evento baixo o lema “Xenocidio nunca máis” que conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela e de Galiza por Palestina, e cuxa entrada é de balde previa retirada de convites. 

Cunha proposta que leva ao público cara a profundidade de temas como a guerra, o exilio, o xénero e o racismo, Rafeef Ziadah é coñecida e recoñecida polas súas performances e pola viralidade das súas propostas. Poemas como We teach life (Nós ensinamos vida) deron a volta ao mundo poñendo sobre a mesa os efectos do xenocidio sobre o pobo palestino. 

O seu último álbum Three Generations (Tres xeracións), invita a unha conmovedora viaxe a través de Palestina e o Mar mediterráneo, seguindo a estela do seu segundo traballo, We teach life no que a forza da palabra de Rafeef Ziadah únese á música orixinal, xerando un forte impacto no público cos seus recitais. 

Os convites poden reservarse preferentemente na web compostelacultura.gal, aínda que tamén están dispoñibles na Zona C e na propia billeteira do Teatro Principal o día do espectáculo.