![](https://www.compostelacultura.gal/sites/all/themes/compostelacultura/images/logo-1-maximenu.png)
![](https://www.compostelacultura.gal/sites/all/themes/compostelacultura/images/logo-2-maximenu.png)
O coreógrafo e investigador Javier Martín conduce este obradoiro teórico-práctico que busca achegar o público ao proceso de creación e posta en escena dun espectáculo de danza. Desenvolverase no Teatro Principal o día 2 de maio en dúas quendas, de mañá e tarde, con 30 prazas dispoñibles cada unha delas.
Compostela Cultura abre o prazo de inscrición no ‘SOMA | Laboratorio Cinestésico’, un obradoiro conducido polo coreógrafo e investigador Javier Martín que afonda no proceso de ideación, desenvolvemento e posta en escena dun espectáculo de danza.
O ‘Laboratorio SOMA’ terá lugar no Teatro Principal o xoves 2 de maio e ofrecerá dúas sesións teórico-prácticas independentes en horario de mañá (de 11 a 14 horas) e de tarde (de 16 a 19 horas) con capacidade para 30 persoas cada unha. A peza 'O punto impropio [A/S/V]', que Martín presenta no Teatro Principal o día 3 de maio, serve de punto de partida para estas sesións de traballo con base nas ciencias e as artes do movemento que transitarán pola experimentación dunha serie de conceptos, técnicas e exercicios encamiñados a acompañar e afinar a percepción, comprender as relacións entre as sensacións físicas e as linguaxes que utilizamos, entre o corpo, a súa materialidade, e os procesos que median na conciencia que temos del.
Nelas proporanse accións sinxelas -manipulacións físicas, traballo con imaxes, meditacións para situar a atención, análise da presenza...-que conectan coa motilidade inherente ao corpo, o estudo dos seus sistemas dinámicos e os fulcros do patrón tensional coas súas lóxicas e inercias; realizarase diferentes mapeados do corpo e a transmisión de conceptos e técnicas para o traballo coas texturas de movemento, activaranse pequenas improvisacións situadas, e debates para asumir o quefacer crítico por parte do grupo. A práctica busca así axudar a asumir o movemento como paradigma cognitivo.
A actividade é de especial interese para intérpretes de artes escénicas, estudantes de Belas Artes, Comunicación, Historia da Arte, Filoloxía e Filosofía, pero está aberta a calquera persoa interesada no tecido dun espectáculo creativo e para participar nela non son precisos coñecementos previos de danza.
A asistencia é de balde previa inscrición no formulario habilitado na páxina web de Compostela Cultura antes do 20 de abril. As prazas existentes en ambos os grupos iranse completando por estrita orde de rexistro e a reserva da praza confirmarase a través de correo electrónico.