‘Ni flores, ni funeral, ni cenizas, ni tantán’ leva ás táboas do Teatro Principal unha reflexión sobre os coidados paliativos e o “bo morrer”

•    A compañía La Dramática Errante, formada por María Goiricelaya e Ane Pikaza, presenta este sábado, día 8 de febreiro, en Compostela a súa cuarta obra de teatro 
•    Escrita e dirixida por Goiricelaya, a obra relata o camiño dunha pai e unha filla polo Camiño de Santiago, nunha alegoría arredor do tránsito da vida cara á morte.
•    Patxo Tellería e Ane Pikaza encabezan un elenco coral do que tamén forman parte Aitor Borobia, Egoitz Sánchez, Idoia Merodio e Loli Astoreka
•    Estreada no Teatro Arriaga a finais de xaneiro, a peza arrinca este mes unha xira estatal que ten Santiago como primeira parada fóra de Euskadi
•    As entradas para o espectáculo poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Teatro Principal
 

Ni flores, ni funeral, ni cenizas, ni tantán, este sábado no Teatro Principal (Foto: Hodei Torres)

Ni flores, ni funeral, ni cenizas, ni tantán reflicte as preocupacións e consideracións sociais que xurdiron entre 2019 e 2021 cando España estivo a piques de aprobar a lei de coidados paliativos e coa regulación da eutanasia dous anos máis tarde. Como novidade e dentro da procura constante dunha linguaxe axeitada a cada creación por parte da compañía, a obra incorpora en escena material audiovisual gravado no propio Camiño de Santiago por Estudo Gheada e Igor García Piñas. A montaxe expón unha viaxe por Donibane Garazi, Roncesvalles, Burgos, Castroxeriz e a Cruz do Ferro ata chegar a Compostela. Isto enmarca a obra nunha intersección entre a linguaxe teatral e a linguaxe audiovisual que leva a narrativa escénica un paso máis aló e permite ao público situarse en diferentes lugares e acompañar as personaxes e a súa historia en diferentes saltos temporais.

O elenco confórmano seis intérpretes, con Patxo Tellería e Ane Pikaza como pai e filla, na compaña de Aitor Borobia, Egoitz Sánchez, Idoia Merodio e Loli Astoreka. Este elenco coral levará a escena outra da características insignia da compañía, o desdobramento de personaxes. A escenografía está asinada por David Pascual, colaborador habitual de La Veronal, que consegue un espazo escénico funcional no que se desdebuxan as fronteiras espazo - temporais, permitindo ao público viaxar coas personaxes desde a habitación dun hospital ata Santiago de Compostela. No resto de áreas, La Dramática Errante acompáñase do seu equipo habitual con David Alcorta á iluminación, Ibon Agirre no espazo sonoro, Ibon Belandia na composición musical, Daniel F. Carrasco en vestiario e Alberto Ferrero nas coreografías.

Na súa estrea no Teatro Arriaga de Bilbao a finais de xaneiro, a obra chegou a 1600 espectadores en tres funcións. O pase en Santiago, programado o sábado día 8 de febreiro ás 20.30 horas no Teatro Principal, é o primeiro que a compañía realizará fóra de Euskadi, e o único anunciado polo momento na contorna galega, nunha xira con máis de 30 actuacións previstas e outras pendentes de confirmación. As entradas para o espectáculo, que se integra no Foco Creadoras de Escena de Compostela Cultura teñen un prezo de 14 euros (con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas). Poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C (rúa Preguntoiro, nº 1), aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas.  Tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes do Teatro Principal o propio día do espectáculo a partir das 19.30 horas.

La Dramática Errante nace en 2017 como selo artístico feminista, emocionante, coetáneo e preocupado pola realidade social. O selo amosa un fondo compromiso coas artes escénicas, especialmente co teatro de autoría, crítico e próximo á realidade. Este compromiso valeulle ás súas integrantes destacadas nominacións e premios, entre os que destaca o Premio MAX 2023 a Mellor Adaptación por Yerma, unha versión libre sobre o texto de Lorca. Ni flores, ni funeral, ni cenizas, ni tantán conta co apoio de Departamento de Cultura e Política Lingüística do Goberno Vasco, a Deputación de Biscaia, o Teatro Arriaga, o Teatro de Barakaldo, o Instituto Vasco Etxepare, o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), a Rede Vasca de Teatros SAREA e o programa Teatro Accesible de APTENT.