

A Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia acolle este xoves 27, ás 20.30 horas, o segundo dos concertos do Ciclo de Lied incluídos na temporada ‘Inconformistas’
A soprano Olga Pasichnyk e o pianista Maciej Pilkulski interpretarán obras de Frédéric Chopin, Pauline Viardot, Claude Debussy, Maurice Ravel, Karol Szymanowski, Vasyl Barvinski e Viktor Kossenko
As entradas para este concerto, realizado en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, poden ser adquiridas na Zona C e na web de Compostela Cultura, e tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes do Auditorio o día do evento a partir das 19.30 horas.
Afondar na diversidade da música europea dos séculos XIX e XX é o obxectivo do programa ‘Cores de Europa’ un recital enmarcado no Ciclo de Lied que Compostela Cultura desenvolve en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela. A partir das 20.30 horas deste xoves 27 de febreiro, a soprano Olga Pasichnyk e o pianista Maciej Pilkulski intepretarán un programa con obras de Frédéric Chopin, Pauline Viardot, Claude Debussy, Maurice Ravel, Karol Szymanowski, Vasyl Barvinski e Viktor Kossenko, nas que cada compositor achega a súa voz única ao coro da tradición musical.
A noite abre cun dos máximos expoñentes do Romanticismo musical, Fréderic Chopin. O repertorio incluirá unha selección de tres pezas pertencentes ás súas Cancións op. 74 e continúa co Nocturno op. 27 núm. 2 alén de varias Mazurcas arranxadas para voz e piano por Pauline Viardot. O recital pechará esta sección con unha das súas pezas máis emblemáticas para piano só: o Étude révolutionnaire op. 10 núm. 12.
A continuación, a travesía musical levará o público a descubrir a obra de Claude Debussy, considerado un dos compositores máis innovadores da historia da música. Soprano e pianista interpretarán tres das súas melodías: Romance, Fleur des blés e Regret. O programa continuará con Maurice Ravel e as súas Cinq mélodies populaires greques, unha colección de cancións baseadas na tradición grega.
A segunda parte do concerto abrirase coas Doce cancións kurpies op. 58 de Karol Szymanowski, unha obra inspirada nas melodías populares de Polonia. Seguiranlle composicións do ucraíno Vasyl Barvinski, que malia as dificultades sufridas durante o réxime soviético, deixou un legado musical de gran valor. As cancións Oi, louli, louli, moya dytyno e Son reflicten a súa mestría na fusión do posromanticismo e o folclore ucraíno.
Para pechar esta noite chea de cores musicais, a actuación de Pasichnyk e Pilkulski incluirá unha selección de catro cancións do tamén ucraíno Viktor Kossenko, mostra da súa sensibilidade na combinación de elementos nacionalistas e a tradición musical europea.
O concerto ‘Cores de Europa’ promete ser unha experiencia única para os amantes da música, un percorrido polas emocións e as tradicións musicais de distintos países a través de composicións inesquecibles. O público poderá gozar dunha noite chea de harmonía e historia da man de dous intérpretes de recoñecida traxectoria internacional.
As entradas para o concerto son de balde para as persoas abonadas á temporada ‘Inconformistas’ e tamén poden ser adquiridas (12 € con descontos do 50% para os colectivos habituais) no despacho de billetes da Zona C e na web de Compostela Cultura. Ademais, estarán dispoñibles no despacho de billetes do Auditorio o día do evento a partir das 19.30 horas.