‘Ceibe’ desafía os roles de xénero na danza tradicional

O novo espectáculo de Fran Sieira chega este sábado ao Teatro Principal coas localidades esgotadas. Adela Otero Vázquez, Aida Tarrío Torrado, André Adrio Rodríguez, Cristina Canosa Prado, Xosé Adrao Casal, Martín Mondragón Rivadulla, María Montero Precedo e Patricia Sánchez Seoane conforman o elenco da obra

Afondar na pegada que os roles de xénero deixan (tamén) no movemento e nas súas artes é o propósito de Ceibe, o último espectáculo da compañía de danza Fran Sieira que recala este sábado, día 9 de marzo, ás 20.30 horas no Teatro Principal. Esta obra con vocación transformadora fai visible na escena como o baile e a música tradicionais galegos están atravesados por estereotipos, etiquetas e ataduras con base no xénero que condicionaron a nosa forma de entendelos e imaxinalos. A partir desa consciencia, a obra aposta pola liberación destas rixideces para propor novas fórmulas de construír o baile abertas a todas as identidades de xénero. 

“Trátase de entender que é o xénero para nós como individuos, como colectivo e tamén como sociedade. Reflexiona sobre as categorías de xénero e os seus estereotipos impostos socialmente para establecer distancia coa normalidade e arrastrala cara ás marxes, e dende aí formular e construír novas formas de entender o corpo e o movemento. Cuestiona, por tanto, as identidades de xénero normativas e hexemónicas para comprender e compartir que o xénero opera sobre todos os corpos”, indican dende a compañía.

Oito bailadoras e bailadores Adela Otero Vázquez, Aida Tarrío Torrado, André Adrio Rodríguez, Cristina Canosa Prado, Xosé Adrao Casal, Martín Mondragón Rivadulla, María Montero Precedo e Patricia Sánchez Seoane reverten, así, formas prestablecidas da danza neste espectáculo dirixido e coreografiado por Fran Sieira, que tamén comparte a dirección artística con Sergio R. Súarez. A composición musical é de MounQup con cancións de Carlos Quintá; Laura R. Iturralde ocúpase do deseño do espazo escénico, Fidel Vázquez da iluminación, Isaac Millán do espazo sonoro; Érica Oubiña do vestiario e Gena Baamonde e Andrea Quintana do colectivo VACAburra fan o acompañamento na dirección. A peza forma parte do Foco NeoTrad de Compostela Cultura, un ciclo que pon de relevo e manifesto creacións que parten do tradicional para tecer propostas novas que se achegan á danza contemporánea, e visibiliza as persoas e equipos que as fan posibles.

Ceibe xa esgotou as entradas dispoñibles para a venda en liña pero aínda quedan algunhas localidades de visibilidade reducida que poden ser adquiridas na Zona C (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no despacho de billetes do Teatro Principal o día do espectáculo dende unha hora antes do seu comezo.