Últimos días para visitar a exposición do Décimo Terceiro Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis

O domingo 25 de febreiro conclúe o período expositivo desta mostra que reúne 33 traballos de artistas e colectivos emerxentes que responden a diferentes sensibilidades artísticas e formalizacións plásticas. A área de exposicións do Auditorio de Galicia programa esta semana visitas guiadas de carácter gratuíto e coloquios con Sergio Marey e Laure Mojo arredor das obras que lles valeron, respectivamente, o primeiro e segundo premio nesta convocatoria
 

Vista xeral da exposición. Foto: Auditorio de Galicia

A mostra cos traballos finalistas ao Décimo Terceiro Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis botará o pano este domingo 25 de febreiro. Até daquela, as persoas que se acheguen á Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia aínda poderá descubrir a escolma dos 33 traballos seleccionados de entre as 83 propostas artísticas que concorreron ao premio e que tecen un percorrido polas novas olladas artísticas de creadoras e creadores que naceron ou residen en Galicia e cuxas idades non superan os corenta anos.  Atópanse, así, as creacións orixinais e inéditas de Alén do Cascallo, Maruxa Alonso Gago, Cristian Álvarez Mejuto, Nato Brandariz, Cabanes Fontao, Catara Rego, Colectivo Cadela Negra, Nerea Cordeiro, Iria Cortizo, Marcos Covela, Marcos Covelo, Andrea Davila Rubio, Diego Del Río, Edu, Carlos Fer, Adrián González Salgueiro, Antía Iglesias, Lacopi, Sergio Marey, Manuel Mata Piñeiro, Laure Mojo, Joan Morera Arbones, Sol Mussa, Alejandra Pardo, Manuela Pita Vidal, Mar Ramón Soriano, Alejandro Rego, Aram Ríos, Fran Rodríguez Casal, Borja Santomé Rodríguez, Susana, Verónica Vicente e Breogán Xague.

A exposición transita por diferentes disciplinas, como a pintura, o debuxo, a escultura, o vídeo ou a instalación, coas que artistas e colectivos interpelan as persoas visitantes con temas de actualidade que son reflexo de preocupacións universais, dende a degradación da paisaxe, á emerxencia climática, os incendios, o abandono do rural ou os límites entre a persoa e a natureza. Canda estas cuestións, as pezas visitan os mitos gregos e a arte rupestre, os espazos deshabitados e os espazos íntimos, enfrontan as violencias LGBTIfóbicas, a deterioración física ou o suicidio, e reflexionan sobre a infancia, o amor, os medos ou a memoria. 

Para achegarse a estas creacións e aos discursos que as sosteñen con maior profundidade, a área de exposicións programa nesta última semana varias visitas guiadas con acceso de balde previa inscrición. Conducidas por María Pillado Rico, estudante do Grao de Historia da Arte da USC, desenvolveranse o luns 19, o martes 20, o venres 23 e domingo 25 de febreiro con varios grupos en horario de tarde (entre as 16 ás 19 horas). Cada visita terá unha duración aproximada de 45 minutos e é necesario reunir un mínimo de 5 persoas para pechar cada grupo. 

María Pillado Rico, estudante de Historia da Arte da USC, conduce as visitas guiadas. Foto: Auditorio de Galicia

As actividades especiais da semana inclúen tamén varios coloquios con artistas. Tras a performance e a conversa que Breogán Xague ofreceu o pasado venres en relación coa súa obra Fun abalar a pedra que está no medio do mar (3º premio), estes días haberá dous novos faladoiros. O primeiro deles, da man de Laure Mojo e arredor da súa obra Historia da nosa arte (2º premio), desenvolverase o martes 20 ás 19 horas na Sala Isaac Díaz Pardo. O segundo, con Sergio Marey sobre a peza Cruceiro a Santa Librada e demais mártires disidentes (1º premio), será o mércores 21 ás 19 horas no mesmo lugar. Ambos os coloquios son de acceso libre sen necesidade de reserva.

A mostra pode ser visitada todos os días da semana e o horario xeral de apertura é de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Porén, a celebración doutros eventos no Auditorio o xoves, o venres e o sábado fará que estes días o peche se adiante ás 19 horas.

Premios da décimo terceira edición do certame

De periodicidade bienal, a convocatoria dos Premios Auditorio de Galicia para Artistas Noveis procura fomentar os valores culturais e a promoción de artistas emerxentes do país, estimular o seu labor creador e apoiar e incentivar a creación e difusión das súas obras. Circunscrito ao ámbito autonómico, o certame diríxese a artistas de traxectoria non consolidada co albo de ampliar a súa visibilidade e contribuír ao enriquecemento e coñecemento da creación contemporánea e ao patrimonio cultural galego.

Entrada á sala de Exposicións Isaac Díaz Pardo. Foto: Auditorio de Galicia

En 2023, o xurado conformado pola concelleira Míriam Louzao, a artista e docente da Universidade de Vigo Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, a escritora e crítica de arte de El Cultural María Marco Covelo, o ex-director de actividades públicas do Museo Reina Sofía Germán Labrador Méndez e a comisaria independente Oliva María Rubio distinguiu co primeiro premio a proposta artística de Sergio Marey (Pol, 1997). Titulada Cruceiro a Santa Librada e demais mártires disidentes, a peza que lle valeu este premio dotado con 6.000 euros é un traballo en barro de Buño, madeira, metal, corda, ladrillo e ceras de cores que afonda na violencia ascendente experimentada nos últimos anos polo colectivo LGBTIQA+ e que se erixe como monumento de memoria ás vítimas.
 

En primeiro termo, Cruceiro á Santa Librada e demais mártires disitentes, de Sergio Marey. Foto: Auditorio de Galicia

A dicir de Marey, “os cruceiros son representacións da arte popular a través dos cales os galegos representaban diferentes fitos como mortes violentas, lugares de culto pagáns, agradecemento... Simbolizan feitos de carácter cristián ou non, mais utilizan a relixiosidade como expresión e atopan nela maneiras de subverter os dogmas impostos. Deste mesmo xeito tomo a relixión e os seus elementos para representar o colectivo, pois dentro dela existen diversas persoas santificadas e/ou veneradas con sexualidades e xéneros diversos. Trátase dun xeito de amosar que sempre fomos representades, sexa na relixión, na arte, na cultura... e que xa que logo sempre existimos malia a que nos queiran ocultar” 

Historia da nosa arte, de Laure Mojo. Foto: Auditorio de Galicia

O segundo premio, cunha dotación de 3.000 euros, recaeu en Laure Mojo (O Pino,1985) pola obra Historia da nosa arte. A súa instalación, que une fotografía abstracta e documental, debuxo e obra audiovisual, presenta un retrato documental do deterioro físico e mental de seu pai que convida á reflexión sobre o relato da historia da arte e a construción da memoria. 
Na descrición da proposta, Moje apunta: “Interésame a relación entre pintura e fotografía. Introduzo imaxes de meu pai e da intimidade familiar nalgunhas obras pictóricas, facendo converxer así dúas realidades distintas, ficción e non ficción, que se fusionan a través da cor e dan lugar a un espazo deconstruído e dividido en catro partes diferenciadas: ficción (pintura), realidade (fotografada), realidade oculta (o que non se ve pero sabemos que está presente na acción principal do cadro) e marco contextual (que nos sitúa dentro ou fóra)”.

 

Fun abalar a pedra que está o medio do mar, de Breogán Xague. Foto: Auditorio de Galicia

Finalmente, a peza Fun abalar a pedra que está no medio do mar valeulle a Breogán Xague (Vigo, 1999) o terceiro premio, dotado con 2.000 euros. Trátase dunha instalación escultórica e sonora con variñas de ferro, altofalantes e arquivo de audio que recolle o nome dunha copla do Alalá de Muxía para establecer unha relación artística entre a Pedra de Abalar e a lingua galega. O artista explícaa deste modo: “Eu nunca vin a Pedra de Abalar de Muxía moverse. Sei que producía, de cando en vez, un son profundo e recoñecible, que a xente choutaba sobre ela para intentar provocalo. Pero a pedra rachou sendo eu moi novo e nunca puiden escoitar ese resultado, soamente vivín a repetición dos xestos cos que se procura ese movemento. Así, a miña relación con ese elemento identificativo da nosa paisaxe non é o dunha experiencia cun principio e un final, é o dunha busca. Coma no caso da lingua, houbo un proceso de transmisión crebado que atopou un xeito de transformarse para continuar participando dunha comunidade. O valor da pedra xa non é que de cando en vez abale, é que hai un grupo de xente que sabe que adoitaba facelo; a memoria dese son tamén soa”.