Teatro fronte á desmemoria: dobre función de ‘1936’ esta fin de semana no Auditorio de Galicia

A grande obra escénica sobre a guerra civil española que dirixe Andrés Lima leva as táboas unha ollada crítica sobre o curso do conflito e ao seu relato histórico
O Centro Dramático Nacional, Check-in Producciones e El Terrat producen este espectáculo que conta con texto de Albert Boronat, Juan Cavestany, Andrés Lima e Juan Mayorga 
Antonio Durán «Morris», Alba Flores, Natalia Hernández, María Morales, Paco Ochoa, Blanca Portillo, Guillermo Toledo, Juan Vinuesa e o Coro de Jóvenes de Madrid conforman o elenco da peza
As entradas para ambas as funcións, o sábado 5 e o domingo 6 de abril  ás 18.00 horas, están esgotadas dende hai meses
 

Blanca Portillo, Alfonso Durán «Morris» e María Morales, nunha escena de 1936.

A Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia vira esta fin de semana en escenario dun golpe que atravesou a sociedade española e constituíu un dos episodios máis terribles da historia do país. O sábado 5 e o domingo 6 de abril sobe as táboas 1936, un espectáculo teatral de máis de catro horas de duración que dirixe Andrés Lima a partir dun texto que co-asina con Albert Boronat, Juan Cavestany e Juan Mayorga. 

O golpe de Estado do verán de 1936 serve de detonante para unha peza que percorre os tres anos do conflito e, alén de deitar un ollada crítica ás causas que levaron á guerra, afonda no xurdimento do fascismo no país. Producida polo Centro Dramático Nacional, Check-in Producciones e El Terrat, esta obra de teatro documental é froito dunha longa investigación e do traballo colaborativo entre o corpo de autores, historiadores como Ángel Viñas, Francisco Espinosa, Mirta Núñez, Julián Casanova ou Paul Preston e o cadro actoral.

Antonio Durán «Morris», Alba Flores, Natalia Hernández, María Morales, Paco Ochoa, Blanca Portillo, Guillermo Toledo e Juan Vinuesa, arroupados polo Coro de Jóvenes de Madrid, conforman un elenco de excepción para dar corpo e voz a figuras esenciais no decorrer da historia de España que entran e saen de escena para nos achegar un relato poliédrico que, lonxe de caer no exceso discursivo, aproveita o humor para ofrecernos unha análise incisiva sobre a guerra e as maneiras nas que ten sido narrada.  

Equipo creativo de 1936 nun ensaio da obra (FOTO: BSP)

1936 dá continuidade ao esforzo de levar á escena a revisión de distintos episodios da historia mundial que o mesmo equipo, con Lima na dirección, abriu en 2019 con Shock 1 (El Cóndor y el Puma), e continuou en 2021 con Shock 2 (La Tormenta y la Guerra), dous espectáculos que tamén formaron parte da axenda escénica de Compostela Cultura. A programación desta terceira entrega en Compostela, no marco do foco Memoria en Escena desta temporada, xerou enorme expectación no público da cidade, que esgotou en cuestión de horas as entradas dispoñibles para ambas as funcións de 1936. Así, o sábado 5 e o domingo 6 de abril, a partir das 18.00 horas, haberá cheo no patio de butacas da Sala Ángel Brage para abrir esa porta á memoria colectiva dende a escena teatral. 

Información relevante de accesos 

Na tarde do sábado 5 de abril, Compostela acollerá a carreira “Os 10.000 peregrinos” que promove a Deputación da Coruña. Por mor deste evento, haberá cortes puntuais de tráfico en distintos puntos da cidade e desvíos nalgunhas liñas de transporte urbano que poden condicionar os desprazamentos ao Auditorio. Para  garantir un acceso sen complicacións e un comezo puntual da función, recoméndase acudir ao Auditorio coa maior antelación posible.