Dobre función da obra 'Un deus salvaxe' no Teatro Principal

A compañía Talía Teatro presenta esta semana en Compostela o seu máis recente traballo, con versión e dirección de Artur Trillo a partir do texto orixinal de Yasmina Reza 
O xoves 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, ás 20.30 horas arrancará a primeira das funcións da peza, que irá seguida dunha conversa co equipo creativo. O segundo pase da obra será o venres 28 de marzo, no mesmo horario e lugar 
As entradas están dispoñibles en compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural
 

A intensa axenda teatral de Compostela Cultura para esa semana ábrese o propio xoves 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, co primeiro dos pases de Un deus salvaxe, de Talía Teatro. Ás 20.30 horas representarase nas táboas do Principal a versión en galego do texto orixinal de Yasmina Reza, que adapta e dirixe Artur Trillo e ao que poñen corpo e voz Marta Lado, Dani Trillo, María Ordóñez e Toño Casais. 

Esta versión de gran formato conta co bo facer de Dani Trillo na escenografía e na iluminación, co de Martina Cambeiro no vestiario e a maquillaxe e coa música orixinal de Manuel Albraldes. O público asistente a ese primeiro pase da peza en Compostela poderá manter ao seu remate unha conversa co equipo creativo na sesión de posfunción. Aínda haberá unha segunda representación da obra o venres 28 de marzo ás 20.30 h. 

Un deus salvaxe parte dunha liorta entre rapaces nun patio de escola. O intento de mediación dos pais, lonxe de funcionar como chamada ao civismo, non serve senón para sacar á toa unha sorte de contradicións e prexuízos sociais de ambas as parellas e propiciar unha escalada de tensión que se alimenta da crise dos matrimonios, da competitividade e do politicamente correcto. Drama e sátira mestúranse nunha peza de corte humorístico e crítico que move á reflexión sobre as relacións de parella, os estereotipos de clase, a educación e a violencia. 

As entradas para o espectáculo están dispoñibles para a venda anticipada (12 € con descontos para diferentes colectivos) en compostelacultura.gal e na Zona C · Punto de Información Cultural (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 h). Se aínda quedan localidades dispoñibles tamén se poderán adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal o propio día de cada pase dende unha hora antes do seu comezo. 

A programación escénica arredor do Día Mundial do Teatro inclúe esta semana outros dous espectáculos. Culturactiva presenta o sábado 29 ás 18.00 horas no Auditorio de Galicia Castelao, unha ficción arredor do neno que un dia foi Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a partir dun texto de Paula Carballeira que dirixe Fina Calleja. O mesmo día ás 20.30 horas o Teatro Principal acolle a presentación de Nevenka, de Histrión Teatro e Portal 71. Esta produción escrita e dirixida por María Goiricelaya leva ao escenario a historia de Nevenka Fernández, a primeira muller que gañou un xuízo por acoso sexual a un político en España.