A MICE celebra dúas décadas de compromiso co cinema e a etnografía

Do 12 ao 16 de marzo, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego programa medio cento de filmes, alén de encontros con cineastas e programación para profesionais e escolares. ● O cinema etnográfico e o humor fían os contidos das seccións paralelas nesta vixésima edición que tamén serve de homenaxe ás e aos iniciadores da nosa cinematografía. ● As entradas, que serán gratuítas para todas as sesións, están xa dispoñibles. Toda a información sobre a grella pode consultarse na web do festival: mice.museodopobo.gal

 

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego celebra do 12 ao 16 de marzo o seu vinte aniversario con medio cento de proxeccións, actividades paralelas e programación para escolares. A MICE reunirá en Santiago de Compostela a cineastas, antropólogos e público xeral nunha cita que suma dúas décadas de compromiso coa divulgación cultural, coa creación de espazos de diálogo entre o cinema e a antropoloxía e coa promoción de novas miradas sobre a realidade social. Unha traxectoria avalada por case 800 cineastas e profesionais do cinema e ao redor de 20.000 persoas que levan participado da Mostra nestes vinte anos. 

A presentación oficial da programación tivo lugar esta mañá no Museo, coa presenza da directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; a autora da imaxe e da peza de autor da 20 MICE, Mirian Opazo; a concelleira responsable de Capital Cultural de Santiago de Compostela, Míriam Louzao Fernández; a deputada de Cultura da Coruña, Natividade González; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil. 

A presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego agradeceu o labor de todo o equipo que fixo posible chegar celebrar este vinte aniversario, así como o apoio das institucións que dan soporte financeiro ao festival. "Unha Mostra feminina, feministra e paritaria" que fala dun cinema que "explora o máis íntimo da cultura do noso país e doutros países e nos enriquece a nós e que leva a cultura galega por outros sitios de España e do mundo", apuntou Concha Losada. E un festival que mantén firme o seu "compromiso coa igualdade, coa accesibilidade e coa sustentabilidade" e que nestas dúas décadas conseguiu converterse "nun referente a nivel galego, estatal e europeo", segundo subliñou a directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira. 

Amais de animar a todas as veciñas e veciños de Santiago e de toda Galicia, así como ás persoas que nos visitan a participar da Mostra, Míriam Louzao Fernández parabenizou ao equipo da MICE por estas "dúas dúas décadas de ollares compartidos". A repesentante municipal subliñou a "consolidación deste evento que é xa referente" e que amosa un "cinema que poucas veces atopa espazo nas salas comerciais" e que ten servido de "plataforma para novas creadoras que deron os seus primeiros pasos na Mostra", para visibilizar o cinema realizado por mulleres e para "achegar o cinema etnográfico ás e aos cineastas do mañá". 

13 filmes nunha sección oficial con predominio de realizadoras 

Esta será a décima edición da MICE como festival internacional con seccións competitivas, cun total de 13 filmes a concurso doutras tantas nacionalidades e cun xurado integrado pola doutora en Antropoloxía Social Bibiana Martínez Álvarez, o docente, crítico e programador de cinema Severiano Casalderrey e unha das fundadoras e codirectora do Porto Femme – Festival Internacional de Cinema Rita Capucho

Entre os trece filmes, 7 deles dirixidos por mulleres, que competirán polo Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, veremos as estreas en España de A s’Orgolesa, a peza de Davide Melis sobre o Canto a Tenore cerdeño; Eros, o documental de Rachel Daisy Ellis sobre os moteis do amor en Brasil; o filme Kongo, no que a cineasta Daiana Araujo indaga sobre o que é o ser cubano; e a peza documental do francés Thivolle Lo Le boxeur chancelant

Ademais, a MICE acollerá a estrea en Galicia de Cuerpos en tránsito, de Mario Moreno Iglesias, sobre procesos de expresión e reconstrución das masculinidades proxectadas en torno aos rituais festivos ibéricos; o filme Silence of Reason, de Kumjana Novakova, que narra a través de arquivos e testemuños a tortura e violacións sufridas polas mulleres durante a guerra en Bosnia e Herzegovina; e Togoland Projections, no que o director, Jürgen Ellinghaus, amosa ao público actual de Togo material cinematográfico rodado alí durante a antiga era colonial. Competirán tamén neste capítulo internacional os filmes A Savana e a Montanha, de Paulo Carneiro, sobre a loita creativa dos habitantes de Covas do Barroso, no norte de Portugal, contra os plans da empresa británica Savannah Resources; e o filme portugués Tão pequeninas, tinham o ar de serem já crescidas, de Tânia Dinis. 

Na sección oficial, tamén catro producións galegas que optarán ademais ao Premio MICE ao Mellor filme etnográfico galego: Resonancias, de Diana Gonçalves, Aurora, de Area Erina, Memoria de Soutelo, de Xoán Bregua e Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera. 

Ademais, todas as películas a concurso optarán tamén ao Premio CREA, outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Realización; e ao Premio do Público. A cerimonia de entrega de galardóns terá lugar o domingo, 16 de marzo, ás 12:30 horas no Museo do Pobo Galego, nun acto presentado pola poeta María Lado. 

Peza de autora e imaxe gráfica 

A aposta da MICE polos novos talentos mantense nesta vixésima edición. A artista visual e cineasta Mirian Opazo (Xinzo de Limia, 1998) é a artífice da imaxe gráfica da 20 MICE e da peza curta que produce o festival, co filme O carro e o home como eixo temático. 

Laila Pakalnina, o cinema etnográfico e o humor 

Outro dos focos temáticos desta 20 MICE será a reflexión en torno á ollada etnográfica e o humor, que impregnará as seccións paralelas. Impropias, dedicada especificamente ao cinema realizado ou producido por mulleres, terá como convidada á realizadora letoa Laila Pakalnina, unha das principais referentes da cinematografía do seu país e das Repúblicas Bálticas. O seu cine, afastado da solemnidade, repasa o absurdo de certas situacións, ás veces cun humor explícito e outras máis sútil. Na MICE, Pakalnina presentará seis das súas pezas e participará nunha conversa co cineasta galego Eloy Domínguez Serén. 

Mentres, Trazas, a sección desenvolvida en colaboración co Cineclube de Compostela, fará un percorrido polo humor e subversión das normas sociais no cinema dos anos 50 e o modelo colonial, que representa a simplificación e idealización da “civilización” fronte ao “salvaxe”; así como polo cinema de fins dos anos 80, que pon o foco no explorador e o estudoso occidental. 

Programación para o ámbito profesional 

A MICE será un ano máis un espazo para a formación, con varias citas de interese para profesionais do cinema e a etnografía. A primeira das citas será a conversa co creador e historiador do cinema galego Pepe Coira para afondar no modelo de documental etnográfico que representa O carro e o home, cuxa copia dixitalizada protagonizará a sesión inaugural da MICE, o mércores, 12 de marzo no Teatro Principal de Santiago. 

Novas cineastas, etnografía e perspectiva de xénero será o título dunha mesa redonda conducida pola antropóloga Bibiana Martínez e que contará coa participación de Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, integrantes de Illa Bufarda; a artista visual Mirian Opazo e a cineasta Laura Piñeiro. 

Ademais, a MICE propiciará tamén unha conversa co cineasta ourensán Emilio Fonseca, que preestreará a súa primeira longametraxe no festival antes da súa chegada aos cinemas comerciais, no marco da sección Lindes. SALVAXE, SALVAXE. Olladas alén do humano será unha oportunidade para compartir coas persoas asistentes o proceso creativo do filme. 

A MICE estendida: xornada profesional e proxeccións da MICEscola 

A proposta didáctica da MICE esténdese máis alá das datas específicas do festival, coa realización da Xornada de Cine e Educación. A experiencia de Galicia e Portugal, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Asociación Olloboi. Unha cita que terá lugar no Consello da Cultura Galega o 4 de abril, en horario de mañá e tarde. 

Tamén no mes de abril proxectaranse no Museo as pezas resultantes da terceira edición do proxecto didáctico MICEscola. Baixo a titorización do DEAC e das cineastas Coral Piñeiro e Bruno Arias, alumnado do IES de Oroso (Oroso), o IES de Cacheiras (Teo) e o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame) andan a realizar as súas propias pezas curtas audiovisuais de contido etnográfico. 

Novas creadoras e novos públicos na MICE 

Nesta vixésima edición da Mostra, volve tamén MICE Petís, con proxeccións para escolares de Primaria, Secundaria e Bacharelato do 12 ao 14 de marzo. 

Ademais, co obxectivo de crear espazos para novas creadoras, a MICE dedicará unha sesión á presentación de traballos de alumnado universitario con interese etnográfico, en colaboración con Novos Cinemas – Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, e Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema. No marco da sección paralela Lindes, proxectaranse pezas resultantes dos obradoiros de titorización con cineastas que vén desenvolvendo ano tras ano o festival pontevedrés na súa sección AULA, en colaboración co campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e dos TFG de Comunicación Audiovisual da Facultade de Xornalismo e Comunicación Audiovisual da USC. 

Programación gratuíta para todos os públicos 

Toda a programación da MICE é gratuíta e desenvolverase en tres espazos da cidade: o propio Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal e NUMAX. As entradas están xa dispoñibles e a grella ao completo pode consultarse na web do festival mice.museodopobo.gal. Todas as sesións contarán con subtitulado, que será específico para persoas xordas no caso dos filmes da sección oficial Galicia. 

Apoios e colaboracións 

A 20 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico está organizada polo Museo do Pobo Galego e conta co apoio do Concello de Santiago, a área de Cultura da Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia