Uxía arranca a xira de celebración do seu 40º aniversario musical cun concerto único no Auditorio de Galicia

· A cantadora de Mos presenta «Será por flores», o seu directo máis escénico baixo a dirección artística da Oficina Galega doutros Asuntos do Movemento e acompañada pola banda de Pablo Novoa e por unha escolma de colaboradoras
· Guadi Galego, A Pedreira, Tanxugueiras, Budiño, João Afonso, Javier Ruibal, Quim Farinha e As Mosas subirán canda Uxía o domingo 16 de marzo ao escenario da Sala Ángel Brage do Auditorio
· As entradas para o concerto están dispoñibles na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C. Tamén se poderán adquirir dende unha hora antes do evento no Auditorio de Galicia
 

Uxía, unha das grandes voces da música do país e unha figura clave na preservación e difusión da nosa cultura, celebra 40 anos nos escenarios co novo directo «Será por flores», a súa proposta máis escénica ata a data. O vindeiro domingo 16 de marzo ás 20.00 horas, o Auditorio de Galicia acollerá o arranque de festa desta xira imprescindible para homenaxear a traxectoria dunha das artistas máis queridas da música galega.
 

De esquerda a dereita, Uxía, Míriam Louzao e Xaquín López 

Así o presentaron este xoves en rolda de prensa a concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao, o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López e a propia Uxía.  Míriam Louzao salientou o labor desenvolvido ao longo destas catro décadas pola que cualificou como «embaixadora da nosa identidade musical», de quen destacou «levou a nosa lingua e as nosas tradicións a escenarios de todo o mundo, creando pontes entre culturas a través da fusión de sons atlánticos e lusófonos, nunha xenuína celebración e aposta pola diversidade».
 
A dicir do director-xerente do Auditorio, Xaquín López, con este concerto «non só celebramos a música senón que celebramos a súa personalidade e, sobre todo, a súa xenerosidade, porque se algo debemos destacar de Uxía, alén do seu evidente talento e calidade musical é a súa calidade humana, ese papel que xogou como tecedora de infinitas fontes entre todas as xeracións musicais de galegos e galegas».
 
En palabras da propia Uxía, «Será por flores» é «unha viaxe no tempo polas músicas que me inspiraron,  e as músicas propias tamén, un concerto onde vou cantar aquelas cancións que marcaron unha etapa da miña traxectoria». A artista adiantou que o recital «vai ser diferente, cunha posta en escena moi coidada e  innovadora dirixida pola Oficina Galega doutros Asuntos do Movemento». No ámbito sonoro, Uxía salientou que «vai do máis íntimo ao máis coral, pois tamén me representa moito a música entendida como algo colectivo e como ponte entre distintas xeracións».
O directo contará cunha escolma de convidadas especiais que inclúen a Guadi Galego, A Pedreira, Tanxugueiras, Budiño, João Afonso, Javier Ruibal, Quim Farinha e As Mosas (Chus e Ana Senlle). O concerto en Compostela servirá así de  punto de partida da xira de celebración que a levará por múltiples escenarios ao longo do ano.
 
As entradas están dispoñibles (12 € con descontos do 50% para diferentes colectivos) na web de a web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C (rúa do Preguntoiro, 1; aberta de martes a sábado de 11 a 14 h e de 16 a 19 h). Tamén se poderán adquirir dende unha hora antes do inicio do evento no Auditorio de Galicia.
 


Uxía, na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela

Un xardín colectivo
Máis ca un concerto, «Será por flores» é unha viaxe ás raíces galegas de Uxía, ás súas composicións propias e ás músicas que a inspiraron. Cunha posta en escena coidada e innovadora, este espectáculo reflicte a evolución constante da artista, mantendo a súa liberdade creativa e explorando novas formas musicais e escénicas.
A escenografía de Carlos Alonso, a iluminación de Daniel Juncal e o son de Tito Ledesma crearán un universo visual e sensorial que transformará o escenario nun xardín de música e poesía. Cada canción será unha flor que Uxía desvelará con coidado, convidando o público a mergullarse nunha experiencia inmersiva e chea de emocións.
 
Da intimidade ao coral
O espectáculo evolucionará dende a intimidade ata o coral, cunha serie de convidadas especiais que marcaron o camiño artístico de Uxía. Sobre o escenario compartirán músicas e emocións artistas como Guadi Galego, A Pedreira, Tanxugueiras, Budiño, João Afonso, Javier Ruibal, Quim Farinha e As Mosas (Chus e Ana Senlle).
A dirección musical estará a cargo de Pablo Novoa, acompañado dunha banda de músicos cómplices da súa traxectoria: Sérgio Tannus (guitarra, cavaquiño, viola caipira), Santi Cribeiro (acordeón), Isaac Palacín (percusión), Pablo Novoa (guitarra eléctrica barítono)
 
Unha xira para celebrar a música
Uxía leva catro décadas construíndo pontes entre a tradición e a modernidade, cunha voz inconfundible e un estilo que transcende fronteiras. Neste concerto, a artista repasa os grandes fitos da súa carreira, interpretando temas icónicos e compartindo escenario con amigas e compañeiras de viaxe musical.
Coa palabra como eixo central e unha fonda vinculación coa lusofonía, Uxía revisará os seus traballos máis emblemáticos, desde Enredadas e Mulleres a viva voz ata as súas colaboracións con NARF ou Malvela. Tamén haberá espazo para o seu compromiso coa memoria histórica, a través de referencias a Novoneyra, Lorca, Rosalía de Castro e o seu traballo en Nunca Máis.
O concerto en Compostela promete ser unha noite chea de emocións, onde o público poderá gozar dunha proposta escénica única, cargada de sensibilidade e celebración. Uxía quere agradecer ao seu público o apoio incondicional ao longo dos anos, e esta será unha ocasión perfecta para devolver todo ese cariño cun espectáculo inesquecible.

 

De esquerda a dereita, a concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao e Uxía.