A obra producida por LaZona e Teatro de la Abadía presentarase en Compostela este sábado 25 de xaneiro na Sala Ángel Brage nun único pase que esgotou xa as butacas dispoñibles
Ignacio Jiménez e Zaira Montes completan o elenco desta peza con música de Jaume Manresa e escenografía de Alessio Meloni
A función, que conta co apoio do INAEM, forma parte do Foco Memoria en escena de Compostela Cultura
A Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia acolle este sábado ás 20.30 horas un dos espectáculos teatrais máis agardados da temporada. O escritor e director Juan Mayorga e dúas figuras esenciais da interpretación en España, José Sacristán e Ana Marzoa, únense en La colección, unha obra producida por LaZona e Teatro de la Abadía que hai días esgotou as localidades dispoñibles. Ignacio Jiménez e Zaira Montes completan o elenco deste traballo con música e son de Jaume Manresa, deseño de escenografía de Alessio Meloni, iluminación de Juan Gómez Cornejo, vestiario de Vanessa Actif e produción de Miguel Cuerdo.
A peza conta a historia de Héctor (José Sacristán) e Berna (Ana Marzoa), un matrimonio sen fillos que, ao longo da súa vida reuniu unha colección pola que sacrificaron todo o demais. Agora, xa na vellez, queren asegurarse de que a colección os sobreviva e buscan quen a herde nas figuras de Susana (Zaira Montes) e Carlos (Ignacio Jiménez). Así, La colección constrúe unha obra sobre o matrimonio, sobre o paso do tempo e sobre a misteriosa relación entre as persoas e os obxectos.
A peza conta co apoio do programa PLATEA do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) e forma parte do Foco Memoria en Escena de Compostela Cultura.