O Auditorio de Galicia acollerá este xoves 23 un novo concerto da formación coruñesa, coa participación de Liza Ferschtman como violín solista
As entradas para o espectáculo poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C, alén de no propio Auditorio o xoves a partir das 19.30 horas
A Orquestra Sinfónica de Galicia toma parte un ano máis no programa de abono do Auditorio de Galicia e faino desta volta cun concerto baixo a dirección do mestre alemán Markus Stenz que comezará ás 20.30 horas deste xoves, 23 de xaneiro.
O programa titulado ‘Orquestra Convidada’, fará ecoar na Sala Ángel Brage do Auditorio compostelán o Concerto para violín en re menor de Robert Schumannn, coa intervención solista da violinista holandesa Lisa Ferschtman. Esta última grande obra do compositor xermano, escrita no límite da súa lucidez e poucos anos antes da súa morte, tivo como dedicatario ao celebrado violinista Joseph Joaquim, que a considerou mostra da loucura do autor e impropia do seu xenio. A súa presentación ao público atopou moitos obstáculos e non puido estrearse até 1938, aínda entón coa oposición de Clara Schumann.
O concerto proseguirá coa Sinfonía núm. 5 en do sostido menor de Gustav Mahler, unha peza de gran complexidade conceptual e fondura emocional que comeza cunha inusual marcha fúnebre. A obra, na que o autor tras realizar volve á forma sinfónica pura para explorar toda a súa capacidade expresiva e transitar da risa ao pranto, da morte á vida e do lírico ao dramático, constitúe unha das súas obras máis interpretadas na actualidade –malia que Mahler a reescribiu en varias ocasións, sempre insatisfeito do resultado– e inclúe o seu celebrado ‘Adagietto’, un dos movementos máis fermosos do compositor austríaco.
As entradas para o concerto poden ser adquiridas a un prezo de 18 euros (con descontos do 50 % para diferentes colectivos) na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do propio Auditorio (neste caso o día do concerto a partir das 19.30 h).
Markus Stenz, director
Entre os múltiples cargos ocupados por reste director alemán ao longo da súa dilatada traxectoria, cóntanse o de director principal da Orquestra Filharmónica da Radio dos Países Baixos, director convidado principal da Sinfónica de Baltimore e, máis recentemente, director residente da Orquestra Filharmónica de Seúl. Foi ademais director xeral de Música da Cidade de Colonia e Gürzenich-Kapellmeister durante 11 anos, posición que o levou a dirixir pezas como o Don Giovanni de Mozart, o ciclo do Anel de Wagner, Lohengrin, Tannhäuser e Die Meistersinger von Nürnberg, así como Jenůfa e Katya Kábanová de Janáček e Amor e outros demos de Eötvös.
Esta temporada, Stenz regresará á Orchestre National de Lyon e, tras un exitoso debut fronte á City of Birmingham Symphony Orchestra en 2002, volverá para conducila na interpretación da Sétima Sinfonía de Bruckner. En Italia, asumirá a dirección da Orchestra della Toscana e da Fondazione Haydn di Bolzano, retornará á New Jersey Symphony Orchestra e debutará coa Orquestra Filharmónica de Nápoles.
Os seus recentes fitos sinfónicos inclúen o seu debut coa Orchestra dell'Academia Nazionale di Santa Cecilia de Roma, múltiples proxectos coa New Japan Philharmonic Orchestra e visitas regulares a tres orquestras nas que ocupou postos relevantes anteriormente: Filharmónica da Radio dos Países Baixos, Orquestra Filharmónica de Seúl e Gürzenich-Orchester Köln.
Lisa Ferschtman, violín
Amar fondamente a música e compartilo co seu público é a razón de ser de Liza Ferschtman. Como narradora musical comprometida coa linguaxe emocional de cada composición que interpreta, a traxectoria da súa carreira internacional é tan variada como o seu repertorio. Para unha camaleónica musical como Ferschtman, o repertorio estándar romántico é tan importante como tocar ou colaborar coas principais voces da actualidade, como Fagerlund, Zuidam, Kancheli, e Wolfe. A súa grande afinidade por Schubert e Beethoven convive coa súa paixón polo mundo expresionista de principios do século XX e, así, a súa extensa discografía reivindica aínda máis esa versatilidade, con música escrita desde 1676 ata 2014.
Como concertista solista, ten actuado coas principais orquestras do mundo, como as Filharmónicas da BBC e a de Helsinqui, as Sinfónicas de Montreal e de San Francisco, e a Orquestra do Festival de Budapest, con directores como Ivan Fischer, Antonello Manacorda, John Storgards, Juraj Valcuha e Stephane Denève. Tamén moi solicitada como directora-solista, traballa con orquestras como a Amsterdam Sinfonietta, a Potsdam Kammerakademie, a Orquestra de Cámara de Laponia, a Orquestra de Cámara Franz Liszt e a Orquesta da Comunidad de Madrid.