'As Gardiás', o último traballo da compañía canguesa, preséntase no Teatro Principal o xoves 23 e o venres 24 ás 20.30 horas
Cristina Domínguez dirixe esta obra con texto de Nasser Djemaï e cun elenco conformado por Casilda Alfaro, Melania Cruz, Amparo Martínez, Rebeca Montero e Sonia Rúa
As entradas para o espectáculo poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C, alén de no propio teatro os días do evento
Catro mulleres maiores organízanse para viviren xuntas e de forma autónoma na vivenda dunha delas. Velaí a premisa de partida do último traballo de Teatro de Ningures, que chega esta semana a Compostela con dúas funcións, o xoves 23 e o venres 24 ás 20.30 horas no Teatro Principal. Con As Gardiás, a compañía canguesa leva a escena unha fonda reflexión sobre os coidados na vellez, sobre a procura dun bo envellecer co apoio e a implicación da comunidade á marxe de solucións residenciais da man de institucións ou empresas privadas.
Sobre as táboas, catro traballadoras xubiladas na industria téxtil – Rosa, Susana, Ana e Marga– instálanse nun piso da primeira delas, nun vello edificio situado no corazón dun barrio popular dunha vila obreira. Decidas a preservar a súa independencia, fan fronte á intención da filla de Rosa, Vitoria, de internala nunha institución médica e vender o apartamento. Co relato da súa resistencia, trasládase ao público unha interrogante fundamental: Cal é a mellor maneira de envellecer?
Cristina Domínguez dirixe esta peza que parte dun texto orixinal do dramaturgo franco-arxelino Násser Djemaï, con tradución de Henrique Harguindey e adaptación de Vanesa Sotelo. Casilda Alfaro, Amparo Martínez, Rebeca Montero, Sonia Rúa e Melania Cruz prestan corpo e voz ás cinco mulleres que protagonizan a historia, indicio tamén da marcada feminización social dos coidados, arroupadas pola escenografía e vestiario de Carlos Alonso, a iluminación de Héctor Pazos e Salvador del Río, que se ocupa tamén da produción, e o son do mesmo Pazos. Drama, lirismo e comedia entretécense neste relato construído arredor do nó inquebrantable de catro tecelás, que forma parte do foco Creadoras de Escena de Compostela Cultura e do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
As entradas para o espectáculo poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C, alén de no propio teatro os días do evento dende unha hora antes do seu inicio. Ao remate da sesión do xoves 23, o equipo da peza participará na posfunción, un diálogo aberto ao público para afondar neste traballo e no seu proceso creativo.
A compañía
Fundada en Cangas do Morrazo en 1986, Teatro de Ningures é unha das compañías máis estables da contorna teatral galega. O equipo fundador, conformado por Casilda Alfaro, Sonia Rúa, Pepa Barreiro e Salvador del Río, reforzouse ao longo destes case corenta anos cun gran número de intérpretes que traballaron de forma ininterrompida en varias producións teatrais. Na súa longa traxectoria, levaron ás táboas 32 obras de corte clásico e contemporáneo, con presenza en redes e circuítos de distribución da escena galega e estatal e en numerosos festivais e mostras de Galicia, Asturias, Madrid, Castela e León, Euskadi ou Valencia, así como en certames e encontros e Portugal.
Tamén impulsou a creación e forma parte da organización de eventos como a Mostra de Teatro de Cangas ou a Mostra de Teatro Universitaria da UVigo, e mantén unha intensa actividade pedagóxica tanto na Escola de Teatro de Cangas como na Universidade de Vigo