A premiada compañía Campi qui Pugui desembarca este sábado no Auditorio de Galicia con ‘Camino a la escuela’

A peza, galardoada nos Premios da Crítica de Cataluña e os Premios FETEN, inspírase nun documental de Pascal Plisson sobre as dificultades reais que moitas nenas e nenos experimentan para poder ir o colexio 
Rosa Díaz dirixe este espectáculo para público familiar que conta coas interpretacións de Aitana Giralt, Alicia Buil, Cristina García, Erik Varea e Jordi Pedrós
As últimas localidades para o pase, programado ás 18 horas na Sala Mozart do Auditorio, poden ser adquiridas na Zona C e en compostelacultura.gal 
 

Compostela Cultura bota a andar este sábado unha programación especialmente pensada para público infantil e familiar con Camino a la escuela, da compañía catalá Campi qui pugui. Ás 18 horas, a Sala Mozart do Auditorio de Galicia erguerá o pano para acoller esta extraordinaria historia sobre tres irmás que se enfrontan diariamente a obstáculos e adversidades para chegar ao colexio. Tres nenas que viven nun país calquera, nun lugar igual de afastado que próximo, que non falan ningún idioma concreto e, ao mesmo tempo, fálanos todos. 

A peza inspírase no filme Sur le chemin de l’école, de Pascal Plisson, un documental 2012 levou ao cinema as penurias polas que pasaban rapazas e rapaces de Kenia, Marrocos, a Patagonia Arxentina e a India para poder asistir á escola, e a afouteza coa que as enfrontaban. Rosa Díaz dirixe e coescribe con Jordi Farrés a versión teatral desa historia de superación á que agora poñen corpo e voz Aitana Giralt, Alicia Buil, Cristina García, Erik Varea e Jordi Pedrós, nunha escenografía deseñada por Joan Pena, con iluminación e son de Marc Espinosa, vestiario de Rosa Solé e música de Pascal Gaigne.

Candidato aos Premios Max en 2021, este traballo foi distinguido como ‘Mellor espectáculo familiar’ nos Premios da Crítica de Cataluña de 2020 e como ‘Mellor posta en escena’ nos Premios FETEN de 2021. Trátase dun espectáculo suxestivo, visual e sen texto, recomendado para a rapaza de 5 anos en diante, que se inspira na historia real de nenas e nenos de calquera lugar. As escasas entradas aínda dispoñibles para o pase en Santiago poden ser xa adquiridas (3 €)  xa na web de Compostela Cultura e na Zona C, e no despacho de billetes do Auditorio o día do espectáculo dende as 17 horas.
A compañía Campi qui Pugui nace en 2008 froito da paixón de Jordi Pedrós e Cristina García, actores formados en distintas disciplinas teatrais en París, Barcelona e Lleida, por crear e compartir teatro. Entre os seus traballos máis distinguidos cóntanse Rats, que lles valeu o Premio Drac d’Or ao mellor espectáculo de rúa en 2015, e Manneken’s Piss , Drac d’Or en 2016 e Premio Max nese mesmo ano.