Poderán formar parte del persoas de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos que non integraran xa algún dos xurados novos de Compostela Cultura nin formen parte dos espectáculos programados
O prazo para a presentación de solicitudes está aberto até o 12 de xaneiro
Compostela Cultura mantén aberto o proceso de selección de integrantes do Xurado Novo que avaliará a súa programación escénica de 2025. Estará conformado por un máximo de 10 persoas de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos que deberán ver e valorar unha escolma dos espectáculos de teatro, danza e circo programados no Auditorio de Galicia, o Teatro Principal e outros espazos durante todo o ano. Non poderán ser parte deste xurado as persoas que o fosen xa dalgún dos xurados novos de Compostela Cultura ou sexan integrantes dos espectáculos programados esta temporada.
Para presentar a súa candidatura, as persoas interesadas deberán cubrir o formulario de inscrición no proceso e dar resposta a unha serie de cuestións relacionadas coa súa experiencia como espectadoras. Poderán facelo ata o 12 de xaneiro e o resultado da selección darase a coñecer o día 14 dese mes.
As persoas integrantes do xurado terán acceso libre a todos os espectáculos do programa previo aviso, sempre e cando a capacidade das salas o permita. Serán as encargadas de compor un palmarés honorífico que se fará público ao final do ano.