Máis de 200 coristas e catro solistas únense á Real Filharmonía de Galicia para ofrecer un concerto colaborativo especial

Baixo a batuta do director Javier Fajardo estará o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, outros seis coros galegos e catro solistas

A persoas asistentes terán a ocasión de escoitar fragmentos do Mesías de Händel e tamén Gloria de Vivaldi
 

Os días 19 e 20 de decembro o Auditorio de Galicia acollerá o tradicional concerto colaborativo especial da Real Filharmonía de Galicia. O espectáculo, que leva por nome Cantamos!, será dirixido por Javier Fajardo e contará coa actuación da soprano Susana García Pico, a mezzosoprano Charlene Harriswangler, o contratenor Alberto Miguélez-Rouco e o barítono Lucas López. 

En total serán 209 as voces que acompañarán aos solistas: ademais do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, participarán tamén o Coro Asubío, o Coro Cardenal Quiroga Palacios, o Coro CMUS de Ourense, o Coro da Escola Municipal de Música de Santiago, o Coro Harmonia Stellae e o Coro de Cámara Thalassa. 

Estes serán os dous últimos concertos do ano 2024 da Real Filharmonía de Galicia, sendo o primeiro deles (o día 19) pertencente á temporada de abono Inconformistas, e o segundo (o día 20) fóra da temporada 2024-25 da RFG.

Ambos terán lugar no Auditorio de Galicia, ás 20:30h, e neles interpretaranse fragmentos do Mesías de Händel e Gloria, de Vivaldi. O xoves 19 o director Javier Fajardo dialogará co público ás 19:45h, nunha nova edición de ‘Conversando con’, o ciclo de coloquios do Auditorio de Galicia cos protagonistas das actuacións.

Debido ao interese suscitado entre o público para este proxecto colaborativo entre a Real Filharmonía de Galicia e os coros galegos, quedan poucas entradas dispoñibles. Os interesados poden mercalas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só os días dos concertos dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 15€.