Unha vez revisada a adaptación da obra á Sala Ángel Brage do Auditorio, Compostela Cultura sacará á venda novas entradas para a función do sábado 5 de abril
A esta función xa anunciada súmase agora un segundo pase do espectáculo o domingo 6 de abril ás 18 horas
As entradas para ambas as funcións estarán dispoñibles este xoves 19 de decembro ás 11 horas no portal compostelacultura.gal e na Zona C · Punto de Información Cultural
En abril chega a Compostela un dos espectáculos máis agardados da axenda teatral de 2025. 1936, unha obra dirixida por Andrés Lima e coproducida polo Centro Dramático Nacional, Check-in Producciones e El Terrat, esgotou en menos de 24 horas as localidades dispoñibles para a súa presentación en Compostela. Tras revisar as necesidades e condicións de adaptación da obra á Sala Ángel Brage do Auditorio, este xoves sairán á venda novas entradas para o pase o sábado 5 de abril. Ademais, dada a entusiasta resposta do público de Compostela, haberá unha segunda función da obra o domingo 6 de abril ás 18.00 horas tamén no Auditorio de Galicia.
As entradas para ambas as funcións estarán dispoñibles dende este xoves, 19 de decembro, ás 11.00 horas na web de Compostela Cultura e na Zona C· Punto de Información Cultural (na esquina entre a rúa Preguntoiro e praza de Cervantes) cun prezo único de 20 €.
A obra 1936 ofrece unha visión poliédrica e coral da Guerra Civil Española. Estreada o 29 de novembro no Teatro Valle-Inclán de Madrid, parte dunha fonda investigación que deriva nun texto asinado por catro dramaturgos: o propio Andrés Lima, Albert Boronat, Juan Cavestany e Juan Mayorga.
Andrés Lima explica que “durante moitos anos, a historia oficial neste país foi contada desde o prisma dos vencedores (triste palabra), dos sublevados. E esta falta de educación histórica alcánzanos ata hoxe. Pero a mirada teatral desta montaxe non se basea na dicotomía dos vencedores e os vencidos, dos amigos e inimigos. A nosa mirada será analítica, crítica e documental. E unha guerra non só é un fracaso como sociedade, senón unha enorme creba emocional. Unha guerra civil, entre irmáns, é posiblemente a peor das guerras. O teatro pode reflectir esa emoción. Queremos que o espectador reflexione, que os nosos adolescentes e mozos comprendan, e que todos podamos poñernos no lugar do outro”
No elenco toman parte Antonio Durán ‘Morris’, Blanca Portillo, Alba Flores, Natalia Hernández, María Morales, Paco Ochoa, Guillermo Toledo, Juan Vinuesa e o Coro de Jóvenes de Madrid. O equipo complétase con colaboradores habituais de producións anteriores como Shock 1 (El Cóndor y el Puma) ou Shock 2 (La Tormenta y la Guerra). Así, Beatriz San Juan asume a escenografía e vestiario, Pedro Yagüe a iluminación, Miguel Ángel Raió a videocreación, Jaume Manresa a composición musical, Kike Mingo o espazo sonoro, Cécile Kretschmar a caracterización, Llorenç Ramis a documentación, Laura Ortega a axudantía de dirección e Joseba Gil a coordinación da produción.
Cunha duración de 270 minutos, que inclúen dúas pausas de 15 minutos aproximadamente, a obra forma parte do ‘Foco Memoria en Escena’ da nova temporada teatral de Compostela Cultura.