Aberta a inscrición nas visitas guiadas á mostra 'Humor Líquido. Xaquín Marín'

•    O Auditorio de Galicia promove entre os meses de novembro e decembro visitas e obradoiros arredor da mostra instalada na Sala Isaac Díaz Pardo que percorre sesenta anos de traxectoria do debuxante e humorista gráfico galego
•    Dirixidas a público xeral e centros de ensino, as visitas son de balde e poden ser solicitadas a través de formularios dispoñibles na web de Compostela Cultura
 

 

O Auditorio de Galicia bota a andar este mes de novembro un programa de visitas guiadas e obradoiros á mostra Humor Líquido. Xaquín Marín, co gallo de achegar a obra e a traxectoria do humorista gráfico, pintor e caricaturista galego tanto ao público xeral como ao estudantado de centros de ensino de Galicia. 
Xa está aberto o prazo para que a cidadanía e visitantes de Compostela soliciten praza nestes percorridos que se desenvolverán do 14 ao 27 de decembro, os xoves e venres ás 18 horas e os sábados ás 12 horas. Poden facelo a través do formulario habilitado na web de Compostela Cultura. Conducidas por Xosé Antón Serén, investigador e historiador da Arte, as visitas destinadas ao público xeral son de balde e teñen unha duración estimada de 45 minutos.

Do 14 de novembro ao 19 de decembro o programa ofrece tamén visitas e actividades expandidas para o estudantado dos Colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIPS) e dos Institutos de Ensino Secundario (IES). Desenvolveranse os mércores, xoves e venres en dúas quendas, ás 10 e ás 12 horas. Óscar Senra e Xiana Iglesias, integrantes da cooperativa cultural Maos, serán os encargados de conducir estas visitas, cunha duración estimada de 30 minutos. Se os centros inscritos o desexan, a visita poderá complementarse cun obradoiro de ilustración conducido pola artista e escritora Afra Torrado, recentemente distinguida co premio Follas Novas polo seu volume de banda deseñada Fago o que podo. Así, o estudantado dos CEIP poderá realizar o obradoiro ‘Historia Malfeita’, dunha hora de duración, e participar na transformación colectiva dunha pequena historia onde o azar e o aleatorio terán un papel fundamental. O alumnado de centros de ensino secundario poderá tamén complementar a visita co obradoiro ‘Eu tamén son Gaspariño!’, duns 90 minutos de duración, e realizar así unha viñeta de denuncia social a partir das problemáticas que detecta no seu contexto. 
O centros de ensino poderán reservar praza tanto para realizar unicamente a visita guiada como para complementala cun dos obradoiros programados. En ambos os casos a inscrición é de balde a través do formulario dispoñible na web de Compostela Cultura. 

A exposición Humor Líquido. Xaquín Marín presenta unha coidada selección de pezas que abranguen os máis de sesenta anos de profesión do artista nado en Fene en 1943. Comisariada por Xandre Marín, trátase dun proxecto promovido pola federación de asociacións Galiza Cultura. Con máis de 150 viñetas, debuxos e cadros e traza un percorrido profesional e vital que nos traslada directamente á historia colectiva recente do país amosando o compromiso inequívoco do creador co pobo galego ao longo destas décadas.