Jazz con selo galego para festexar o Día Europeo da Música no Teatro Principal

•    O compositor Pablo Sanmamed presenta en concerto o seu álbum máis recente, ‘Zugunruhe. Inquietude Migratória’ 
•    Benxamín Otero, ao óboe e corno inglés, súmase ao trío que conforman Iago Mourinho ao piano, Bruno Couceiro á batería e Sanmamed ao contrabaixo 

De esquerda a dereita, Iago Mourinho, Bruno Couceiro, Pablo Sanmamed e Benxamín Otero. Foto: Eutropio Rodríguez

A inquedanza creativa do compositor e contrabaixista Pablo Sanmamed faise música en Zugunruhe. Inquietude Migratória, o terceiro álbum de estudio do músico compostelán, editado por ACentral Folque, que este venres se presentará en concerto ás 20.00 horas no Teatro Principal. O recital forma parte da programación que Compostela Cultura articula arredor do Día Europeo da Música, que cada 21 de xuño conmemora a diversidade musical do continente e a riqueza que reside no diálogo intercultural. 
O trío que conforman Pablo Sanmamed ao contrabaixo, Bruno Couceiro á batería e Iago Mourinho ao piano refórzase nesta ocasión co óboe e o corno inglés de Benxamín Otero para levar aos palcos un disco que baixo a voz alemá ‘Zugunruhe’ refire o “comportamento ansioso que se dá nos animais migratorios aos que se lles impide migrar, especialmente nas aves”. Inspirándose nesta conduta e na súa oposta, a quietude e a ausencia de movemento, Sanmamed desprega de novo as ás dun son que bebe do jazz de autor e as músicas do mundo e comporta influencias de composicións contemporáneas e cinematográficas.

As entradas para o concerto poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (situada na praza de Cervantes e aberta de martes a sábado, en horario de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) e tamén no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto o día do concerto dende as 19.00 horas). Teñen un prezo de 12 euros con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.