A Real Filharmonía de Galicia voa ao son do sheng de Wu Wei

O virtuoso instrumentista chinés Wu Wi é o solista convidado da Real Filharmonía de Galicia deste xoves no que a orquestra interpretará un programa con obras de Itziar Viloria, Huang Ruo e Igor Stravinski

O sheng, un instrumento tradicional chinés con máis de 3 000 anos de antigüidade, é o protagonista do concerto que a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá este xoves ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio. Baldur Brönnimann dirixirá a orquestra nunha nova audición que contará coa presenza do instrumentista Wu Wei como solista convidado. Baixo o título 'A cor da memoria' o programa arranca,con 'Ecos Vermellos' ('Oihartzun gorriak', no éuscaro orixinal), unha peza encargada pola RFG e a Euskadiko Orquestra á compositora vasca Itziar Viloria que ten a súa estrea absoluta en Galicia. A seguir, soará 'A cor amarela para sheng e orquestra', do mestre chinés Huang Ro, que se presenta pola primeira vez na escena musical española. 'O paxaro de lume' de Igor Stravinski, na súa versión de 1945 pechará o programa.

Antes do recital, ás 19:45h, o público poderá escoitar as impresións e valoracións acerca das obras da man do director Baldur Brönnimann e do solista Wu Wei nunha nova cita do ciclo ‘Conversando con…’. As entradas para o concerto  poden mercarse  a un prezo de 18 euros (con descontos do 50 % para os colectivos habituais) na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, das 11 ás 14 e das 16 ás 19 horas) e no do propio Auditorio (o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo.