O poeta e reporteiro Alfonso Armada é o encargado de escribir o manifesto deste ano, titulado Manifesto fóra de campo ou a guerra é un asasinato. O recital inaugural comeza cunha porposta conxunta de María do Cebreiro e Abe Rábade sobre o libro 'A lentitude'. María Sevilla, Gustavo Giménez, Tal Nitzan e André Tecedeiro tamén recitarán os seus poemas este 21 de marzo
Galicia celebra este xoves 21 de marzo o Día Mundial da Poesía co Alguén que respira!, festival que chega á súa sétima edición no Teatro Principal de Compostela co conflito bélico como eixo temático. Máis de vinte poetas, periodistas, músicas e músicos, performers e especialistas reúnense na cidade durante tres días para ofrecer un programa de alta intensidade onde a palabra, a música e a reflexión abren un espazo propio para construír ámbitos de seguridade fronte ás ameazas.
O escritor e periodista Alfonso Armada foi o encargado de escribir o manifesto que cada ano celebra o Día da Poesía e que lerá ás 19,30 horas no balcón do Teatro Principal compostelán. O programa, porén, comeza ás 12,30 da mañá cun café-faladoiro no que participan o propio Armada e a poeta e periodista Carmen Villar Alonso.
O recital inaugural principiará ás 20 horas, inmediatamemente despois da lectura do recital, xa no interior do teatro coa participación de María do Cebreiro xunto a Abe Rábade, Tal Nitzan, María Sevilla, Gustavo Giménez e André Tecedeiro. O programa completo do festival pode consultarse na web alguenquerespira.gal.
Todas as entradas do festival son gratuítas e están dispoñibles para a reserva na web de compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural de 11 a 14 e de 16 a 19 h. (teléfono 981 542 462). Tamén se poden retirar no despacho de billetes do Teatro Principal dende unha hora antes do comezo do recital (teléfono 981 571 026).