O programa 'Dous continentes' contará coa intervención do saxofonista Alejandro Oliván, quen interpretará a peza 'Island Songs' de Peter Sculthorpe
Acurtar as distancias entre Europa e Australia é o obxectivo do programa 'Dous continentes' que a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá este xoves ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia como parte da súa temporada 'Migracións'. Farao baixo a batuta da directora australiana Jessica Cottis, unha das máis destacadas da actualidade e coa participación do saxofonista Alejandro Oliván que interpretará por primeira vez en España unha breve peza para saxofón e orquestra, sland Songs, de Peter Sculthorpe. Oliván substitúe a solista inicialmente anunciada para este concerto, Amy Dickson, que se viu obrigada a cancelar a súa presenza por motivos persoais. O programa da noite complétase coa Sinfonía Clásica de Sergei Prokofiev e a Sinfonía núm 104 de Joseph Haydn, coa que o autor puxo fin a máis de 50 anos como compositor sinfónico.
As entradas para o concerto, a un prezo de 18 € (con descontos do 50% para os colectivos habituais), poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) ou no do Auditorio de Galicia (o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).
Talento e recoñecementos internacionais
A directora Jessica Cottis obtivo un amplo recoñecemento pola súa programación inventiva e estimulante e o seu liderado musical inspirador. Unha talentosa comunicadora descrita como “contida, súper articulada e comprometida” (The Scotsman), é unha das directoras australianas en activo máis destacadas da actualidade.
O saxofonista Alejandro Oliván acadou numerosos galardóns en concursos nacionais e internacionais como primeiro premio no concurso Basler Orchester Gesellschaft en Basel, en Suíza, ademais dun segundo premio no concurso internacional de saxofón Exigentia, en Italia.