O mestre italiano porase á fronte da orquestra nun programa con obras de Domenico Scarlatti, Pietro Giorgio Avondano, Gaetano Brunetti e Luigi Boccherini que leva por título ‘Mestres das cortes reais’. As entradas para este recital, que se desenvolverá o xoves 8 ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage, están xa á venda na web de Compostela Cultura e na Zona C · Punto de Información Cultural
A RFG ofrece este xoves no Auditorio de Galicia un novo concerto da súa tempada ‘Migracións’. Enrico Onofri será novamente o director convidado da orquestra nun programa que, baixo o título ‘Mestres das cortes reais’, inclúe xoias musicais dos compositores Domenico Scarlatti, Pietro Giorgio Avondano, Gaetano Brunetti e Luigi Boccherini.
O fío condutor desta escolma é precisamente a xenialidade de obras que, coma estas, eran especialmente compostas para a monarquía de distintas partes de Europa. A persoas asistentes poderán gozar así da brillantez da Sinfonía en Do Maior para cordas e baixo continuo de Domenico Scarlatti, un prolífico compositor de sonatas —escribiu máis de 500— que exerceu na corte madrileña tras percorrer Europa, e tamén de creacións de Luigi Boccherini, músico na corte de Felipe V, de quen se escoitarán as pezas Música Nocturna nas rúas de Madrid e a Sinfonía núm. 6 en re menor G.506 ‘A casa do demo’. Soarán tamén a Sinfonía núm. 22 en sol menor para 2 óboes, fagot, 2 trompas e cordas de Gaetano Brunetti, quen foi unha das figuras centrais da música da corte de Carlos IV, e a Sinfonía en Re Maior para cordas e baixo continuo de Pietro Giorgio Avondano, mestre da corte portuguesa de João V.
O concerto comezará ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia e as entradas (cun prezo xeral de 15 € e descontos para diferentes colectivos) pódense adquirir na web compostelacultura.gal, na Zona C · Punto de Información Cultural (aberta de martes a sábado de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia (o propio día do concerto dende unha hora antes do seu inicio). Antes do recital, a partir das 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, o director Enrico Onofri participará nun diálogo co público nunha nova cita do ciclo ‘Conversando con...’.
Ademais do concerto en Santiago, a Real Filharmonía de Galicia levará o recital ao Teatro Principal de Ourense, onde actuará o mércores 7 ás 20.00 horas.
Enrico Onofri
O mestre Enrico Onofri volve unha vez máis a Compostela como director convidado da RFG. Vello coñecido do público compostelán, pois é a cuarta vez que se pon á fronte da orquestra, este reputado director é, ademais, un dos máis destacados e influentes violinistas barrocos da actualidade.
A súa carreira comezou cunha invitación de Jordi Savall para ser concertino da Capella Real cando aínda era estudante. Na actualidade, é o director titular da Filarmónica Toscanini de Parma e tamén exerce como director asociado da Münchener Kammerorchester e da Orchestre National d'Auvergne. Igualmente, colabora coa Haydn Philharmonie e tamén dirixe a orquestra Academia Montis Regalis, Director Musical do Ensemble Imaginarium, Director Musical da Real Câmara e profesor de interpretación histórica no Conservatorio Rossini de Pésaro.