Composicións de W.A. Mozart, A. Honegger e B. Martinu integran este programa da tempada 'Migracións' da Real Filharmonía de Galicia
Tras o concerto do xoves 25 en Compostela, a orquestra ofrecerá unha actuación en Vigo o sábado 26 ás 20 horas no Teatro Afundación
'Percorrendo a felicidade' é o título do concerto que a RFG ofrecerá este xoves 25 ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia baixo a batuta da directora portuguesa Rita Castro Blanco. O programa, que se emmarca na tempada de abono 'Migracións' propón ao público unha viaxe dende o clasicismo de Wolfgang Amadeus Mozart até a visión nostálxica e idealizada do pasado dos compositores do século XX, Bohuslav Martinu e Arthur Honneger. Nesta ocasión, as persoas asistentes gozarán do ritmo veloz e enérxico da recoñecida Abertura d'As vodas de Fígaro e da Sinfonía núm. 38, "Praga", do xenio austríaco. O programa do evento tamén inclúe a Pastorale d’été, de Arthur Honegger e Tocatta e due canzoni, de Bohuslav Martinu.
Rita Castro Blanco, a directora
A función será liderada pola directora portuguesa Rita Castro Blanco que, malia a súa xuventude, colecciona numerosas estreas e vén de amplificar a súa experiencia e interese tanto na ópera como nos xéneros musicais contemporáneos. Rita Castro Blanco desenvolveu a súa carreira maioritariamente en Portugal e no Reino Unido, onde traballou coa Orquestra Gulbenkian, Orquestra Sinfónica Portuguesa, Orquestra Metropolitana de Lisboa, Orquestra das Beiras, Orquestra do Norte e a Orquestra Clássica de Espinho, entre outras.
Antes do concerto, ás 19:45h, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, a directora dialogará co público nunha nova cita do ciclo ‘Conversando con...’
Entradas á venda
Para ter acceso á función en Santiago, as entradas poden mercarse no despacho de billetes da Zona C ou na web de Compostela Cultura a un prezo de 15€. Tamén poderán ser adquiridas no despacho de billetes do Auditorio o propio día do concerto dende unha hora antes do seu comezo.