Leilía despídese dos escenarios cun último concerto no Auditorio de Galicia

A histórica formación de pandeireteiras culmina este sábado a xira ‘Anque me vou non me vou’ cunha actuación que esgotou xa as localidades dispoñibles

O sábado 13 de xaneiro Leilía ofrecerá o seu derradeiro concerto en Compostela. A partir das 20.30 horas, a Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia servirá de escenario para o adeus da histórica formación de música tradicional galega tras máis de tres décadas de andaina. As voces e as pandeiretas de Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez uniranse daquela para ofrecer o último espectáculo da xira ‘Anque me vou, non me vou’ co que tecen un percorrido pola súa traxectoria que vira, ao tempo, nunha celebración da música e da tradición oral galega.

A alcaldesa de Santiago de Compostela Goretti Sanmartín e a concelleira de Capital Cultural Miriam Louzao recibiron este xoves as integrantes de Leilía no Salón Amarelo do Concello de Santiago. Tras a recepción desenvolveuse unha rolda de prensa conxunta na que afondaron na repercusión da formación para a música galega e adiantaron algúns detalles deste concerto que se encadra na programación musical de Compostela Cultura. 

 

Goretti Sanmartín convidou o público a gozar deste concerto las Leilía, “un grupo pioneiro para a música galega e moi concretamente a música tradicional e os colectivos de pandeireteiras que levaron a dignidade a mulleres que tocaban e cantaban e supuxeron un punto de inflexión na recollida de cantares tradicionais. Se hoxe temos figuras de relevancia como as Tanxugueiras ou as Fillas de Cassandra iso sae do labor pioneiro dun grupo que comezou cando case non había grupos de mulleres pandeireteiras. Se noutros estilos musicais houbo grupos referentes, imprescindíbeis para a música galega como Berrogüetto, Marful ou Nao, as Leilía foron as iniciadoras da reivindicación das mulleres pandeireteiras subidas aos escenarios. Santiago é o Concello que as viu nacer e a súa historia está ligada á nosa cidade. Tivemos a ocasión de comprobar a súa potencia cando foron as pregoeiras elixidas para o pasado 25 de xullo, en que conseguiron poñer a bailar a praza do Obradoiro. A actuación do sábado é unha despedida e non o é, porque a súa música e o seu bo saber facer acompañarannos para sempre”.

En representación das súas compañeiras, Felisa Segade, explicou que este adeus respondía a unha decisión “consensuada e meditada”, e que “fixemos o que queríamos facer. Está a música galega onde pensamos, a música de raíz, a música das pandeireteiras, esa música que as nosas avoas inventaban, na que eran poetisas e músicas, as donas de facer as festas diarias e as encargadas de contar o que pasaba no pobo cada día. Pensamos que iso volve estar outra vez no pobo, e esa era a nosa intención“ 

Outra das integrantes de Leilía, Ana Rodríguez insistiu en que “fixemos un traballo que era necesario para o país. Un traballo de recuperación, de dignificación, de dar a coñecer un legado que estaba no olvido”. E engadiu “vai ser unha despedida difícil, dura, pero o mellor que estamos vivindo agora é o apoio incondicional, o arroupo e o cariño da xente. Non podemos marchar por unha porta máis grande. E marchar así, a verdade é que tamén nos enche de orgullo”. 

Neste espectáculo pertencente á xira ‘Anque me vou, non me vou’ a formación mestura temas novos, do último traballo discográfico Vidas Cantadas, con vellas sonoridades. A combinación de tempos e sons fai agromar sentimentos de alegría, sorpresa, celebración, ou nostalxia dos que esperan o público se contaxie. Con ese obxectivo, convidan a todas as persoas que vaian asistir ao concerto a facelo engalanadas coas súas pandeiretas, para encher o Auditorio do son dese instrumento que tanto lles regalou e renderlle así unha homenaxe colectiva.