A bela dormente de Chaikovski protagoniza o Concerto de Reis da Real Filharmonía de Galicia

Sebastian Zinca será o director deste concerto que contará coa narración e interpretación de Inés Salvado Gontad. A orquestra ofrecerá un ensaio xeral o venres ás 10 horas con acceso libre até completar capacidade

 

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá este venres 5 de xaneiro ás 21 horas o seu tradicional Concerto de Reis no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. Baixo o título A bela dormente, o programa inclúe unha selección de pezas deste fermoso ballet de Piotr Illich Chaikovski.

Dirixido por Sebastian Zinca, que substitúe por motivos de saúde a Baldur Brönnimann, este concerto ao abeiro da temporada de abono da RFG ‘Migracións’,  contará coa participación de Inés Salvado Gontad como narradora e actriz. O mesmo venres 5, ás 10 horas, a Sala Ángel Brage do Auditorio acollerá un ensaio xeral ao que o público poderá acceder libremente até completar cabida.

Ballet histórico
A bela dormente é un ballet xa histórico dende a súa estrea, na cal se deron cita os nomes lendarios do ballet ruso: a coreografía de Marius Petipa e a música de Chaikovski, na súa primeira colaboración. Este ballet suaviza a crúa trama do conto de Perrault deixando toda a historia nunha loita xenérica entre o ben o mal. Malia a beleza da música e a todos os achados de A bela dormente, o ballet recibiu como única valoración un sucinto “moi bonito” do tsar Alexandre III. Co paso do tempo, o anoxo de Chaikovski sería recompensado pola valoración que merceu na historia.

Sebastian Zinca
O mestre estadounidense con ascendencia peruana e romanesa Sebastian Zinca foi o elixido como director asistente da RFG, cargo que comenzará a desempeñar a vindeira semana.
Zinca completou os seus estudos de dirección na Academia Sibelius de Finlandia como alumno de Sakari Oramo. Como parte da súa formación, dirixiu case todas as orquestras importantes de Finlandia, onde debutou como director convidado coa Orquestra Sinfónica de Oulu. No ano 2021 recibiu a medalla de prata no Terceiro Concurso Internacional de Dirección Antal Doráti de Budapest (Hungría).
Ademais, foi bolseiro de dirección na Academia do Festival de Lucerna, onde traballou durante tres semanas de forma intensiva en música contemporánea, e no Festival de Música de Aspen. Tamén actuou con orquestras dos Estados Unidos, Finlandia, Alemaña, Hungría, Romanía, España, Italia e a República Checa.

Inés Salvado Gontad
O concerto contará coa participación de Inés Salvado Gontad como narradora e actriz do ballet. Esta intérprete e cantante vencellada ás artes escénicas dende o ano 2006, forma parte da compañía profesional A Feroz, coa que ten participado como actriz nos espectáculos Afterparty, Santa Inés, Do pracer e da morte e Frío. Nos anos 2020 e 2021 foi tamén parte do cadro actoral da peza O Charco de Ulises do Centro Dramático Galego (CDG).
Ademais é integrante do grupo musical De Vacas, galardoado nos Premios da Música Martín Códax en 2016 e premiado na II edición do Festival Territorio Violeta na Feria de Teatro de Ciudad Rodrigo no 2018. Tamén é vocalista e percusionista na banda de Budiño e no Coro Encaixe.

Entradas á venda
As entradas para o Concerto de Reis da RFG poden adquirirse través da web compostelacultura.org, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h) ou no do propio Auditorio (o día do concerto dende unha hora antes do seu comezao) a un prezo de 15€.