Oito persoas foron escollidas entre máis dun cento de candidatas para participar neste proceso de selección aberto á cidadanía que se desenvolverase entre os días 4 e 7 de decembro
A Real Filharmonía de Galicia escollerá entre os días 4 e 7 de decembro director/a asistente para o ano 2024 nun proceso ao que poderá asistir o público e que rematará cun concerto o xoves 7 entre as tres persoas finalistas
A selección comezará o luns, día 4, coas oito persoas candidatas que foron escollidas entre as 111 de todo o mundo que se postularon a participar.
Ao longo dese primeiro día da semana, os e as oito prefinalistas dirixirán os ensaios da Real Filharmonía de Galicia. Ao rematar a xornada, ás 20h, anunciaranse os tres finalistas que dirixirán os ensaios o resto da semana e subirán ao podio no concerto do xoves.
As obras coas que as persoas candidatas terán que traballar serán Dumbarton Oaks, de Igor Stravinski; Schattenhaft, de Hugo Gómez-Chao, e a Sinfonía núm. 2 en Re Maior, Op.36, de Ludwig van Beethoven.
Os ensaios continuarán na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia o martes 5 e o mércores 6 entre as 10h e as 14h e realizarase un ensaio xeral o xoves 7 ás 10h. Ese mesmo día, ás 20:30h, realizarase o concerto final, ao remate do cal, será anunciado o resultado da selección.
Proceso público
Todos os ensaios e o concerto serán abertos a quen desexe acudir sen necesidade de reserva previa, accedendo á sala ata dez minutos antes do inicio de cada sesión. Ademais, quen asista á actuación final poderá dar a súa opinión participando a través dun código QR que se facilitará ao inicio da mesma. Tres cuartos de hora antes do comezo tamén poderán escoitar os finalistas nunha nova sesión de "Conversando con...".
Baldur Brönnimann, director titular e artístico da RFG, destaca a oportunidade que suporá este posto. "O apoio á nova xeración de directores/as é unha das nosas iniciativas para fomentar a inserción laboral e o desenvolvemento das carreiras dos máis novos, que complemente o labor cos músicos mozos a través da EAEM", comenta.
A persoa seleccionada traballará directamente coa Filharmonía. "Dirixirá concertos, concertos educativos, colaborará co lado administrativo da orquestra na loxística e planeamento dos novos proxectos e integrarase de forma natural no día a día da RFG", indica Brönnimann.
A Real Filharmonía de Galicia é unha das institucións culturais de referencia en Galicia, levando a música clásica arredor de toda Galicia e a un amplo abano de persoas. Entre os seus valores fundamentais atópanse a inclusión social, a excelencia artística, o apoio á expresión musical contemporánea e a formación e o apoio ás futuras xeracións de novos profesionais da música.